A hipusina é un aminoácido pouco común atopado en todos os eucariotas e nalgunhas arqueas, pero non en bacterias. A única proteína coñecida que contén residuos de hipusina é o factor de inicación da tradución eucariota 5A (eIF-5A) e unha proteína similar atopada en arqueas. En humanos describíronse dúas isoformas do eIF-5A: eIF5A-1 e eIF5A-2. Están codificados por dous xenes distintos chamados EIF5A e EIF5A2. A proteína está implicada na biosíntese de proteínas e promove a formación do primeiro enlace peptídico. A rexión que rodea o residuo de hipusina está moi conservda e é esencial para a función do eIF5A. Así, a hipusina e o eIF-5A parecen ser vitais para a viabilidade e proliferación das células eucariotas.

A hipusina fórmase no eIF-5A por modificación postraducional dun dos residuos lisilo. Están implicadas dúas reaccións e dous encimas, que son: 1. A desoxihipusina sintase cataliza a clivaxe da poliamina espermidina e transfire o seu resto de 4-aminobutilo ao grupo ε-amino dun residuo específico de lisina do precursor do eIF-5A para formar desoxihipusina e 1,3-diaminopropano. 2. A desoxihipusina hidroxilase é a mediadora da formación da hipusina pola adición dun gupo hidroilo ao residuo de desoxihipusina.

Atopouse un exceso de hipusina na urina de nenos e pacientes de hiperlisinemia familiar.

A hipusina foi illada primeiramente do cerebro bovino polos científicos xaponeses Shiba et al. en 1971. O nome hipusina indica que a molécula consta de restos de hidroxiputrescina e lisina.

Notas

Véxase tamén Outros artigos n-Butilamina, relacionada co grupo 4-aminobutilo da desoxihipusina Putrescina Diftamida, outro aminoácido pouco común relacionado coa tradución EEF2, factor de elongación eucariota 2, que utiliza a diftamida

Categoría:Aminoácidos Categoría:Aminoácidos non proteinoxénicos