Ana Patricia Torres Madureira, nada en Caracas o 2 de setembro de 1984, é unha xornalista e política galega do PPdeG.
Traxectoria Licenciada en Xornalismo coa especialidade de Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou na Cadena SER en Ourense, Faro de Vigo, a produtora de La Región e a Televisión de Galicia. Nas eleccións municipais de 2011 foi elixida concelleira de Boborás polo PPdeG na candidatura encabezada por Cipriano Caamaño, e foi concelleira de Cultura, Turismo, Deporte e Xuventude. Nas municipais de 2011 volveu ser elixida concelleira e foi responsable de Cultura, Turismo, Deporte, Educación, Xuventude e portavoz. É deputada provincial de Cultura e Proxectos Audiovisuais dende 2015. Nas municipais de 2019 encabezou a candidatura do PPdeG que obtivo a maioría absoluta (8 concelleiros de 11), e foi elixida alcaldesa de Boborás. É vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos do Carballiño, do Xeodestino Ribeiro-O Carballiño e da Asociación Ruta do Viño do Ribeiro. Tamén é presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez. Nas municipais de 2023 volveu encabezar a candidatura do PPdeG e volveu ser elixida alcaldesa con maioría absoluta (10 concelleiros de 11). Pertence á Xunta Directiva e ao Comité Executivo do Partido Popular de Ourense dende 2015, no que é voceira dende 2021. Tamén forma parte da Xunta Directiva do PP de Galicia. Tralos comicios municipais de 2023, Torres foi designada tamén como deputada provincial polo PP. Semanas despois, o novo presidente da deputación, Luis Menor, nomeouna voceira popular na entidade.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Eleccións municipais en Boborás
Ligazóns externas Saúdo da alcaldesa de Boborás Ana Patricia Torres Madureira
Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Xornalistas de Galicia Categoría:Alcaldes de Boborás Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Deputados provinciais de Ourense Categoría:Nados en Caracas Categoría:Nados en 1984 Categoría:Galegos de Venezuela