Sílvia Orriols i Serra, nada en Vic en 1984, é unha política catalá, presidenta do partido político independentista e islamófobo Aliança Catalana. Foi candidata á alcaldía de Ripoll nas eleccións municipais de 2019 e 2023, e é alcaldesa dende o 17 de xuño de 2023.
Traxectoria Diplomouse en biblioteconomía e documentación pola Universidade de Vic. Dende 2006, traballa como administrativa nunha empresa privada.
Como política, foi militante de diversos partidos políticos. No ano 2004 formou parte das listas de Estat Català para as eleccións europeas. Despois do 1 de outubro, comezou a participar activamente nas protestas contra o 155 de Ripoll, e progresivamente foi collendo protagonismo neste tipo de actos.
Máis adiante, afiliouse a Front Nacional de Catalunya, partido co cal se presentou ás eleccións municipais de 2019 en Ripoll, obtendo 503 votos e un concelleiro. Os outros partidos do consistorio fixeron un cordón sanitario, comprometéndose a non pactar nin participar en ningún debate electoral con ela. En marzo de 2020 abandonou o partido (onde colaboraba como independente), continuando como rexedora non adscrita. Medio ano despois, fundou o seu propio partido político, Aliança Catalana, onde defende a independencia de Cataluña dende posicións antisalafistas e islamófobas, sostendo que a inmigración é en realidade unha invasión, e fala das teorías conspirativas da gran substitución. Presentouse como alcaldable nas eleccións municipais de 2023, conseguindo ser a forza máis votada no concello, obtendo 6 concelleiros e máis do 30% dos votos. Aos poucos días, parte do resto de partidos anunciou que estudarían un pacto para evitar que Orriols se converta na alcaldesa de Ripoll. Ao final Junts per Catalunya desmarcouse do acordo e Sílvia Orriols conseguiu a alcaldía.
É membro da asociación de xigantes de Ripoll.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Front Nacional de Catalunya (2013)
Categoría:Nados en Vic Categoría:Nados en 1984 Categoría:Políticos de Cataluña Categoría:Alumnos da Universidade de Vic Categoría:Políticos da Aliança Catalana Categoría:Alcaldes de Cataluña