Comadres das Letras é un colectivo de escrita feita por mulleres en clave feminista, que xorde no 2022 en Santiago de Compostela. O grupo constitúese ao abeiro de dous obradoiros literarios dirixidos por Eli Ríos e organizados pola AELG en colaboración co concello de Santiago. Historia Tanto o primeiro deles ("As mulleres na literatura do cotián"), que se desenvolveu no outono do 2021, como o segundo ("As mulleres no metaverso da literatura"), que tivo lugar un ano despois, utilizaron como espazo de encontro a casa de Jimena e Elisa Fernández de la Vega, en Casas Reais. alt=O libro colectivo das Comadres das Letras, á venda|miniatura|Exemplares de Contármonos á venda na SELIC Na actualidade as Comadres das Letras continúan coa súa actividade en Lila de Lilith, Libraría de Mulleres.
Este colectivo propúxolle á RAG unha ampliación da definición de 'comadre' no seu dicionario, reivindicando que máis aló das acepcións recollidas (parentesco en relación co amadriñamento de descendentes), 'comadre' era unha denominación popular para as parteiras e emprégase con frecuencia en toda a xeografía galega en referencia á rede de apoio que se establece entre mulleres.
Malia que non se incorporara aínda este significado no dicionario, esta foi a definición empregada no Portal das Palabras á hora das votacións para establecer o termo máis significativo do ano. Grazas á proposta deste grupo de mulleres, á súa difusión masiva na rede e aos numerosos apoios recibidos, "comadre" foi elixida palabra do ano.
En 2022, as Comadres das Letras contribuíron á web Compostela Literaria con varias microficcións ambientadas nesta cidade que pertence á súa rede de afectos.
En xuño de 2023, presentaron na SELIC o seu libro colectivo Contármonos, editado por Alvarellos. O limiar desta primeira achega literaria asinouno Eli Ríos.
A publicación desta obra e a súa participación en varios recitais dende maio do 2023 quedaron rexistradas en dúas entrevistas radiofónicas, unha en Hoy por hoy Santiago da Cadena Ser (o 17 de xullo) e outra no Diario cultural da Radio Galega (o 18 de xullo).
As Comadres das Letras participaron na homenaxe a Aurora Marco organizada por A Sega en Ribeira, o 15 de agosto do 2023 para conmemorar o X Día das Galegas nas Letras, dedicado a esta investigadora.
A presentación de Contármonos na Coruña tivo lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, en outubro de 2023 e tivo como presentadora a Beatriz Maceda.
Ademais de continuar coas presentacións do libro e os recitais, este colectivo formou parte da programación de actividades en relación coa conmemoración do 25N no IES O Carril e mantivo en xaneiro de 2024 un encontro coas persoas participantes na aula de adultos da biblioteca Ánxel Casal.
En marzo de 2024 a RAG deu resposta á demanda das Comadres das Letras ao incorporar no seu dicionario unha terceira acepción do termo comadre que vai máis aló do feito mesmo do amadriñamento de nenos, pois atende á relación de confianza e apoio mutuo entre mulleres.
Participaron co relatorio "Acercamiento al feminismo desde la literatura" nas IV Jornadas Aprendiendo feminismo: Despatriarcalizando la sociedad, organizadas pola UNED e celebradas en Lugo a principios de abril de 2024.
Este colectivo foi finalista na modalidade de Promoción da Lectura nos Premios Follas Novas 2023.
En xaneiro de 2025, varias comadres acudiron á sesión do Club de Lectura de Lugo Patrimonio e da Librería Trama na que se comentaba o seu Contármonos. No mes de febreiro saíu do prelo Cereixas roubadas, o segundo libro do colectivo, neste caso cun limiar de Marga do Val. Esta obra homenaxe a Luísa Villalta foi presentada en distintas localidades, e no mes de abril as Comadres das Letras recuncaron na Biblioteca Ánxel Casal, nesta ocasión para un encontro literario.
Integrantes
Forman parte do colectivo Ana Lorenzo, Beatriz Guerra, Carmen Villar Alonso, Chus Prol, Eva Teixeiro, Flora Miranda, Isabel Cribeiro, Lorena Gómez Calvo, Marga C. Castro, María Álvarez Landesa, Marta Abal Vaquero, M. C. García, Monti e Nela Valado; Marisa de Corme, Ana Barja e Xulia Crego.
Notas
Categoría:Grupos literarios de Galicia Categoría:Feminismo en Galicia