O edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra é unha casa señorial de principios do século XX na cidade de Pontevedra.
Localización O edificio está situado no número 23 da rúa Enfesta de San Telmo, no centro histórico de Pontevedra, con fachadas para a praza do Peirao e a rúa do Barón. Está en fronte do pazo dos Condes de Maceda, actual Parador de Turismo de Pontevedra.
Historia Existen referencias dun edificio nesta localización desde o século XV. Nun plano da cidade de 1856 do cartógrafo e tenente coronel de enxeñeiros Francisco Coello de Portugal y Quesada xa se recolle a existencia dunha construción neste espazo. A casa pertenceu ao empresario e filántropo Casimiro Gómez Cobas. No ano 1931 engadíuselle un piso a outro xa existente, pero non foi ata mediados dos anos 50 do século XX cando, segundo o proxecto do arquitecto Juan Argenti Navajas, engadíuselle un andar máis cun faiado baixo a cuberta, que configurou a súa estrutura actual.
En 2002, o Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra comprou o edificio e adxudicou a súa restauración ao arquitecto Celestino García Braña. As obras empezaron en marzo de 2004 e o edificio inaugurouse como sede do Colexio de aparelladores da provincia de Pontevedra o 25 de maio de 2005 para prestar servizo aos colexiados de toda a provincia.
Descrición O edificio ten unha superficie de 1800 metros cadrados, divididos en planta baixa, dous andares e faiado.
É un edificio exento de pedra de planta rectangular. A fachada exterior presenta unha gran cheminea de pedra na parte dereita da fachada norte e arcos rebaixados nas fiestras do primeiro e segundo andares. Na fachada da rúa Barón presenta no primeiro piso un balcón ao longo da fachada e no segundo piso un balcón no centro e dúas galerías nos extremos. Na planta baixa as xanelas e portas están protexidas con elementos de aceiro corten, que amosan un deseño de acuñados en forma de folla de carballo que achegan luminosidade ao interior. No tellado, a cuberta de tellas está rematada nos laterais das fachadas sur e norte con prominentes gárgolas de cobre.
No interior o edificio está presidido por unha bóveda invertida azul a 12 metros de altura que coroa o oco das escaleiras do edificio e onde os focos simulan un aspecto estrelado. As escaleiras terminan nun espazo libre na planta baixa no que conflúen as dúas entradas. No faiado ábrese unha xanela na fachada norte que ilumina diagonalmente o interior. Os chans son de madeira e o formigón á vista e a madeira constitúen a base da estrutura. Os tabiques interiores están pintados ao óleo e as varandas das escaleiras están realizadas en cristal. A planta baixa alberga unha sala de exposicións e unha área de atención ao público, a primeira despachos e biblioteca, a segunda sala de xuntas, aulas de formación e despacho do decano do colexio e o baixo cuberta un arquivo.
Galería
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Varios autores. Sede del Colegio Oficial de Aparejadores y Arquitectos de Pontevedra. Ed. COAAT. Pontevedra 2006.
Outros artigos Praza do Peirao Centro histórico de Pontevedra
Ligazóns externas Sede do Colexio Oficial de Aparelladores de Pontevedra
Categoría:Arquitectura civil en Pontevedra Colexio Oficial