O nacionalismo na música refírese ao uso de materiais recoñecidos como nacionais, en especial na música chamada culta ou clásica. Por exemplo, o uso directo da música tradicional, e o uso de melodías, ritmos e harmonías inspiradas nela. O nacionalismo tamén inclúe o uso do folclore como base para obras programáticas ou óperas.

O nacionalismo asóciase xeralmente ao romanticismo musical de mediados do século XIX, pero hai evidencias de precursores do nacionalismo durante todo o século XVIII. O termo tamén se usa a miúdo para describir a música rexional do século XX, especialmente de América Latina. Até hai ben pouco, o nacionalismo musical do XIX foi considerado como unha reacción contra o "dominio" da música romántica alemá.

Estados, países e rexións Os países a miúdo relacionados co nacionalismo musical son Rusia (Mikhaïl Glinka e o Grupo dos Cinco), Bohemia (Bedřich Smetana e Antonín Dvořák), Noruega (Edvard Grieg), Finlandia (Jean Sibelius), Reino Unido (Edward Elgar e Frederick Delius) ou os Estados Unidos (Horatio Parker e Edward Mac Dowell).

Na Península Ibérica As maiores referencias dos compositores do nacionalismo na Península foron o eixo Madrid-Andalucía, coas influencias do flamenco, e Cataluña, a mesma idea de Iberia (obra de Albéniz) ou a Galiza. En Portugal o estilo tivo menos influencia que no Brasil, con autores como Carlos Gomes, Heitor Villa-Lobos ou Francisco Mignone.

O primeiro introdutor deste estilo na Península Ibérica foi o compositor galego Marcial de Adalid. Luísa Villalta resaltou a importancia dese movemento non só para a música en si, senón para a literatura do Rexurdimento e a creación de símbolos de Galicia. Outro compositor do nacionalismo musical galego, xa no século XX, foi Rogelio Groba.

Felip Pedrell foi outro dos pioneiros, introdutor en Cataluña e en España das obras de Wagner (presentado en Portugal polo vasco-portugués António Arroio e os seus irmáns). Como renovador do panorama musical catalán, Pedrell tivo un enorme prestixio e tivo alumnos como Enric Granados, Manuel de Falla, Isaac Albéniz e Lluís Millet entre outros. Foi, ademais, un precursor do nacionalismo catalán.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Apel, Willi. 1968. Harvard Dictionary of Music. Boston: Harvard UP. Grout, Donald J. 1960. A History of Western Music. Nova York: Norton. Stolba, K. Marie. 1990. The Development of Western Music: A History. Dubuque, Iowa: Wm. C. Brown, Inc. Taruskin, Richard. N.D. Nationalism, Grove Music Online ed. L. Macy (consultado o 8 de decembro de 2005)

Categoría:Música Categoría:Música clásica Categoría:Nacionalismo