Moeda de 3 dólares estadounidenses "3 Dollars "Indian Princess Head"". Numista.com261x261pxA/: Cabeza de princesa india cara á esquerda, con coroa de plumas. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY (na coroa).R/: Valor facial e data dentro dunha coroa de tabaco, trigo, millo e algodón. Lendas: 3 DOLLARS. Datas: 1854-1889 Cecas e marcas: Filadelfia (sen marca), Dahlonega (D), Nova Orleáns (O) e San Francisco (S). Deseño: James Barton Longacre. Aliaxe: Ouro (90%) e cobre (10%). Diámetro: 20,50 mm. Peso: 5,015 g. Canto: estriado.
A moeda de 3 dólares estadounidenses é unha moeda de ouro dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre os anos 1854 to 1889.
A moeda de 3 dólares foi autorizada pola Lei da Moeda de 1853, do 21 de febreiro, e foi cuñada nas cecas de Filadelfia, Dahlonega, Nova Orleáns e San Francisco en ouro de 900 milésimas, cun peso de 5,01 gramos e un diámetro de 20,55 milímetros."Composition and Specifications". Threedollargold.com
O seu deseño é obra do daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James Barton Longacre. No anverso reprodúcese unha representación da Liberdade a modo de princesa indíxena americana e o reverso amosa unha coroa vexetal aberta, composta por pólas e follas de tabaco, trigo, millo e algodón."Indian Princess Three Dollar Gold Pieces". Threedollargold.com
En 1851, o Congreso autorizara unha nova moeda de prata de 3 centavos para que con ela puidese o franqueo postal máis común sen ter que botar man dos pesados centavos de cobre. Segundo algunhas opinións, a aprobación da moeda de 3 dólares só dous anos máis tarde foi para facilitar a adquisición de pregos de cen selos de correos correspondentes a este franqueo estándar.
Aínda que no primeiro ano se cuñou a considerable tiraxe de máis de 100.000 exemplares, a moeda non tivo un uso moi estendido. Circulou algo máis na costa Oeste, onde se preferían as moedas de ouro e de prata ao papel moeda, mais a súa escasa presenza no mercado do Leste perdeuse totalmente co trastorno ocasionado pola guerra civil estadounidense. A moeda cuñouse por derradeira vez en 1889 e o Congreso cancelou a serie o ano seguinte.
Aínda que en varias datas a tiraxe da moeda de 3 dólares foi moi escasa, a máis rara é a cuñada en 1870 en San Francisco, da que só se coñece con certeza a existencia dun exemplar.
Antecedentes En 1832, o congresista por Nova York Campbell P. White procurou un método para devolver á circulación as moedas de ouro estadounidense, xa que, ao estar o ouro sobrevalorado con respecto á prata, as moedas de ouro foran exportadas ou fundidas no país desde principios do século XIX, o que motivara a súa desaparición da circulación. A solución proposta por White consistía en cuñar o dólar de prata e a moeda de ouro de 10 dólares polo seu valor íntegro, pero cuñar a maiores moedas de ambos os metais máis pequenas, entre elas a de 3 dólares, que contivesen menos metal nobre que o correspondente ao seu valor nominal. Aínda que o Congreso, ao aprobar a Lei da Moeda de 1834, fixo axustes na relación entre o ouro e a prata, non autorizou daquela a moeda de 3 dólares proposta por White.Taxay, D. (1983) . Páxina 195.
A Lei do e de marzo de 1845 autorizou a emisión dos primeiros selos de correos do Servizo Postal dos Estados Unidos e fixou en 5 centavos a tarifa das cartas locais prepagadas.Breen, W. (1988). Páxina 504. Nos anos seguintes, esa taxa considerouse demasiado alta e un impedimento para o comercio e, en consecuencia, o Congreso rebaixouna a 3 centavos e, o 3 de marzo de 1851, autorizou un selo postal de 3 centavos e unha moeda de prata dese mesmo valor, para facilitar a súa adquisición.Hahn, K. (1962). Segundo o historiador numismático Walter Breen, "o principal obxectivo da nova moeda de 3 centavos era facilitar a compra dos selos postais sen a obriga de utilizar os impopulares, pesados e con frecuencia sucios centavos de cobre", que ademais case non circulaban en amplas zonas do país.
Proceso lexislativo
A Lei da Moeda de 1853
miniatura|O secretario do Tesouro Thomas Corwin, promotor da lei pola que se autorizou a moeda de 3 dólares. En 1853 a sobrevaloración da prata con respecto ao ouro continuaba, unha situación motivada polos grandes achados de ouro, principalmente en California, e polo feito de que a prata se exportaba en gran medida. Coa intención de arranxar este desaxuste, o secretario do Tesouro, Thomas Corwin, promoveu un proxecto de lei no que se avogaba por reducir o contido de metal precioso da maioría das moedas de prata para evitar a súa exportación. A oposición a este proxecto estivo encabezada polo representante de Tennessee Andrew Johnson, quen consideraba que o Congreso non tiña autoridade para alterar a relación dos prezos do ouro e a prata, e que, no caso de tela, non debería exercela. Non obstante, o Congreso aprobou o proxecto de Corwin, que se converteu na Lei da Moeda de 1853, logo da súa sinatura por parte do presidente Millard Fillmore o 21 de febreiro. Nesta lei autorizábase tamén a creación da nova moeda de ouro de tres dólares.Texto da Lei da Moeda de 1853. Memory.loc.govTaxay, D. (1983) . Páxinas 220-221.
Motivos para a creación da moeda Consonte o escritor numismático Don Taxay, a disposición pola que se creaba a nova moeda fora incluída na lei para satisfacer os intereses dos produtores de ouro.Taxay, D. (1983) . Páxina 210. Pola súa banda, Walter Breen considera que a nova moeda "sería conveniente para adquirir rolos ou pequenas bolsas de moedas de 3 centavos, así como para comprar follas de selos de 3 centavos evitando, en todo caso, o uso dos centavos de cobre". En 1889, o daquela director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James P. Kimball, escribiu: "suponse que a moeda de 3 dólares foi deseñada para ser un múltiplo da peza de 3 centavos, por conveniencia das transaccións postais".Bowers, Q. David (2001). Páxina 164.
No entanto, o numismático Walter Hagans, no seu artigo de 2003 acerca desta moeda, descarta calquera vinculación coas tarifas postais para a súa creación e asegura que "a verdadeira razón da moeda de ouro de 3 dólares foi a abundante oferta de ouro descuberta en California".Hagans, W. E. (2003). Páxina 58. E para o comerciante e autor numismático Q. David Bowers, "se a moeda de 3 dólares era realmente necesaria ou pagaba a pena foi obxecto de debate entre os numismáticos durante máis dun século".Bowers, Q. David (2001). Páxina 161.
Preparación e deseño miniatura|O gravador xefe da US Mint, James Barton Longacre, creador do deseño da moeda de 3 dólares."James Barton Longacre". National Portrait Gallery. Smithsonian Institution. Unha gran parte do que se coñece acerca do proceso de deseño da moeda de 3 dólares procede dunha carta do 21 de agosto de 1858, enviada polo gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James B. Longacre, autor do seu deseño, ao daquela director da institución, James Ross Snowden. Ao parecer, esta carta supón unha resposta a certas críticas e nela Longacre achega os seus puntos de vista sobre o deseño de varias moedas, sinaladamente en relación coa moeda de 3 dólares.Taxay, D. (1983) . Páxina 211. Nela, Longacre di que inicialmente se sentiu abraiado, xa que era a primeira vez que se lle permitía elixir o deseño dunha moeda. Malia ter experiencia no gravado de moedas anteriores, entre elas a de 3 centavos, con anterioridade ao período de dirección de Snowden, sempre se lle deran directrices acerca dos motivos que debía representar nelas.Taxay, D. (1983) . Páxina 214.
Longacre sinalou que, aínda que os responsables dos deseños das moedas adoitaban ditar adaptacións da arte romana ou grega, para a moeda de 3 dólares tiña a intención de crear algo verdadeiramente americano:
As personificacións nacionais de América como unha muller nativa americana remóntanse ao século XVI, cando os cartógrafos recorrían a esta representación, adoito adobiada cun toucado de plumas, para ilustrar os seus mapas deste continente. Isto evolucionou ata se converter na imaxe dunha princesa ou dunha raíña india e, aínda que Columbia foi a que finalmente triunfou como encarnación feminina principal dos Estados Unidos, a imaxe da princesa india mantense na tradición popular con figuras como Pocahontas e Sacagawea.Hagans, W. E. (2003). Páxina 56. Algunhas fontes suxiren que Longacre puido inspirarse para os trazos da princesa india nos da súa propia filla, Sarah. Esta hipótese asóciase máis habitualmente co centavo Indian Head, tamén obra de Longacre, aínda que os trazos en ambas as moedas —e tamén no dólar de ouro tipo I, nos 20 dólares Liberty Head e nos 3 centavos de níquel— son case idénticos.DeLorey, T. (1985). Páxina 1.976.
Para axudar a diferenciar a nova moeda de 3 dólares da xa existente de 2½ dólares, tamén de ouro, Longacre utilizou un disco máis fino, para que a moeda acadase un diámetro maior, e tamén aplanou o dólar de ouro, para o agrandar, e deulle a este o mesmo deseño da princesa india.Taxay, D. (1983) . Páxinas 210-211. Para o reverso, Longacre creou unha "coroa agrícola", composta por follas e pólas de millo, algodón, tabaco e trigo. Este reverso foi tamén utilizado para o dólar de ouro, para o centavo Flying Eagle, e nunha versión revisada, para os 5 centavos e os 10 centavos Seated Liberty.Vermeule, C. (1971). Páxina 55. A intención deste reverso era mesturar produtos agrícolas característicos do Norte e do Sur, nun momento de fortes tensións territoriais nos Estados Unidos.Snow, R. (2009). Páxinas 9-12, 224. O numismático Walter Hagans considera que o reverso creado por Longacre é "tan tipicamente americano como a doncela india do anverso".
O historiador da arte Cornelius Vermeule afirmou que "o único ámbito en que Longacre deixou fluír a súa imaxinación foi no dos seus toucados de fantasía das súas representacións femininas da Liberdade. Os seus gorros de plumas, os seus barretes da liberdade e os seus diademas estrelados son un pracer para a vista".Vermeule, C. (1971). Páxina 51. Porén, Vermeule ten unha opinión negativa da representación da figura do anverso da moeda de 3 dólares: "a princesa das moedas de ouro é unha versión elegante dun gravador de billetes da arte popular da década de 1850. Os penachos ou as plumas parécense máis á cimeira do helmo do príncipe de Gales que a nada visto na fronteira occidental, agás, quizais, unha beleza do music hall".
No momento da autorización da moeda de 3 dólares seguía na presidencia do país Millard Fillmore, do partido Whig, mais só dous meses despois foi sucedido no cargo polo demócrata Franklin Pierce. Este cambio na Administración levou consigo que o ata entón director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, George N. Eckert, lle cedese o posto a Thomas M. Pettit.Taxay, D. (1983) . Páxina 386. Xa que logo, Longacre presentoulle dúas propostas de deseño ao novo director e, antes de que este falecera o 31 de maio de 1853, seleccionou un deles; os modelos en relevo producíronse rapidamente despois desta escolla. Os modelos de Longacre, tanto para o anverso como para o reverso, non levaban letras, xa que as lendas e os números debían engadirse logo de realizada a redución; isto permitía utilizalos varias veces para moedas de diferentes tamaños e valores faciais. Como Longacre estaba ocupado coa redución de peso das moedas de prata ordenada polo Congreso na mesma lei que autorizara os 3 dólares, o traballo de elaboración dos cuños desta non comezou ata 1854.DeLorey, T. (1985). Páxina 1.975.
Produción