Sagrario Mochales del Val é unha investigadora, microbióloga española, pioneira da posta en marcha da investigación de antibióticos. Participou no cribado de produtos naturais para o descubrimento de diversos principios activos, como o antibiótico de amplo espectro Fosfomicina moi usado para o tratamento de infeccións de ouriños entre outras moitas afeccións. Así como a Lovastatina, para o tratamento da hipercolesterolemia co fin de reducir os niveis de colesterol e evitar así a enfermidade.

Traxectoria Estudou Bioloxía na Universidade de Madrid e formouse en bioquímica, microbiología clínica e bioloxía molecular.

Integrou desde 1954 o equipo de investigación da Compañía Española de Penicilina e Antibióticos (CEPA) que funcionaba, no laboratorio de Madrid, cun convenio colaborativo co laboratorio da empresa farmacéutica estadounidense Merck Research situado en Rahway, Nova Jersey. Na CEPA os membros do equipo de traballo tiñan por costume viaxar por España sempre equipados con distintos recipientes para coller mostras de terra ou augas alí onde fosen en busca de novas substancias terapéuticas interesantes. Así foi como en 1966, outro membro do equipo, o doutor e investigador Sebastián Hernández, nunha viaxe pola estrada de Xávea a Gata de Gorgos (Alacant) recolleu unhas mostras de chan na ladeira sur do monte Montgó e levounas ao laboratorio. No laboratorio Mochales cultivou distintos organismos que atopou na mostra e observou nun, a cepa Streptomyces fradiae, unha aceptable actividade microbacteriana. Tras os correspondentes controis e estandarización enviou a mostra a Estados Unidos onde a empresa farmacéutica Merck levou a cabo os estudos clínicos necesarios para desenvolver o novo antibiótico, a Fosfomicina.

En 1969 publicouse na revista Science o artigo no cal se presentaba o novo antibiótico, devandito estudo foi asinado polos seus colegas estadounidenses de investigación de Merck, xunto aos seus colegas da CEPA Hernández e Mata, e ela en último lugar.

O descubrimento da Fosfomicina foi patentado tanto nos Estados Unidos como en España e comercialízase baixo o nome comercial de Monurol, antibiótico que durante décadas foi un dos principais para o tratamento de infeccións de ouriños, aínda que tamén se emprega en moitos outros tratamentos.

Ademais da súa contribución fundamental no desenvolvemento da Fosfomicina e a Lovastatina, participou conxuntamente con outros científicos en diversos estudos e patentes de novos microorganismos e axentes antibacterianos, maioritariamente na área dos antibióticos e antifunxicidas.

Recoñecementos É membro de honra da Sociedade Española de Quimioterapia.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Categoría:Científicos de España Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid