The Mars Volta é o sétimo álbum de estudio da banda estadounidense de rock progresivo The Mars Volta, publicado o 16 de setembro de 2022 a través do selo Clouds Hill. Producido polo guitarrista, compositor e director musical Omar Rodríguez-López, o disco foi precedido polos sinxelos "Blacklight Shine", "Graveyard Love" e "Vigil".
É o primeiro álbum de estudio do grupo en máis de dez anos, tras o seu traballo de 2012 Noctourniquet e a posterior ruptura. Despois de reunirse en segredo en 2019, os líderes da banda Rodríguez-López e Cedric Bixler-Zavala fixeron un esforzo consciente para afastarse do seu anterior son de rock progresivo e gravar un álbum influenciado polo pop, con Bixler-Zavala abordando directamente nas súas letras as recentes loitas da súa familia coa Igrexa da Ciencioloxía.
A baixista orixinal Eva Gardner e o teclista e percusionista Marcel Rodríguez-López, habitual na banda, regresaron a The Mars Volta durante o proceso de gravación, gravando as súas partes en Nova York xunto co batería Willy Rodriguez Quiñones. O pianista de jazz Leo Genovese colaborou co disco, uníndose finalmente ao grupo para a xira de promoción do álbum, xunto coa batería Linda-Philomène Tsoungui.
Antecedentes A finais do ano 2012, tras o lanzamento do sexto álbum de The Mars Volta, Noctourniquet, os membros principais Cedric Bixler-Zavala (voces) e Omar Rodríguez-López (guitarra, produción) disolveron o grupo despois de pelexarse entre eles. Escribindo na súa conta persoal de Twitter a principios de 2013, Bixler-Zavala afirmou: "Non podo sentarme aquí e finxir máis. Xa non son membro de Mars Volta. Para que conste, esforceime ao máximo para conseguir unha xira por América do Norte do Noctourniquet, pero Omar non quixo". Reflexionando sobre isto en 2022 Bixler-Zavala destacou: "Estaba nun lugar realmente impaciente cando deixei a banda, moi inmaduro, facendo moito ruído nas redes sociais. Era tan só unha especie de mocoso". Nesa época Bixler-Zavala unírase á Igrexa da Ciencioloxía, creando tensións entre el e Rodríguez-López e facendo que a parella se separase.
Aos dous anos reconciliáronse, formando o supergrupo Antemasque e traballando no álbum de At the Drive-In In•ter a•li•a (2017), antes de reunir The Mars Volta en segredo en 2019. Remarcando as diferenzas entre At the Drive-In e The Mars Volta, Rodríguez-López destacou: "O de At the Drive-In thing era algo moi finito. Era en parte nostalxia e pasado, e de onde vimos e as nosas raíces. Hai unhas certas expectativas e algo que debes dar aí, e os parámetros están moi axustados. Con The Mars Volta sempre volve a idea de, "¿é emocionante, conmóveme? ¿É o que escoito saír dos altofalantes só algo que me fai bailar?"
Unha nota de prensa para o álbum afirmaba que o traballo contén tan só "dous temas de máis de catro minutos", marcando un cambio do son e fastándose do rock progresivo para achegarse a un terrtorio marcado por "toques máis sutís e ritmos caribeños". A mesma nota de prensa tamén dicía que a banda está no seu momento "máis maduro, máis conciso, máis centrado".
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de The Mars Volta Categoría:Álbums musicais de 2022 Categoría:Álbums producidos por Omar Rodríguez-López