Francisco das Chagas Marinho, máis coñecido como Marinho Chagas, nado en Natal o 8 de febreiro de 1952 e finado en João Pessoa o 31 de maio de 2014, foi un futbolista brasileiro. Irreverente e polémico, está considerado un dos mellores laterais esquerdos da súa época e un dos maiores ídolos da historia do Botafogo, club co que disputou 183 partidos, marcando 39 goles. Tamén destacou noutros clubs como o Fluminense ou o São Paulo, e foi internacional coa selección brasileira, coa que tivo unha destacada actuación no Mundial de 1974, no que Brasil quedou cuarto.
Traxectoria Naceu na cidade de Natal, no estado brasileiro de Río Grande do Norte. Comezou a súa carreira como futbolista no Riachuelo, pasando logo polo ABC, co que gañou o Campionato Potiguar de 1971, e polo Náutico do Recife.
En 1972 fichou polo Botafogo, no que militou durante os seguintes cinco anos. Lateral esquerdo hábil e innovador, foi considerado un dos mellores xogadores do mundo na súa posición, e foi un dos primeiros laterais que subían de xeito habitual ao ataque, en vez de limitarse só ás tarefas defensivas. Converteuse nun ídolo do Botafogo, sendo galardoado en dúas ocasións coa Bola de Prata, e xogando co club carioca recibiu as súas primeiras convocatorias para a selección brasileira. Disputou un total de 183 partidos co club, marcando 39 goles, moitos deles de falta.
Durante a súa estancia no club alvinegro, despois do Mundial de 1974, foi probado polo Schalke 04 alemán nun partido ante o Bayern de Múnic. A continuación o club de Gelsenkirchen levou a cabo unha votación entre os seus afeccionados para decidir se contrataban ou non ao xogador, pero nunca se deu a coñecer o resultado da mesma, e o futbolista continuou no Río de Xaneiro.
Entre 1977 e 1978 xogou no Fluminense, co que marcou outros 39 goles, en só 93 partidos. A continuación chegou á North American Soccer League, disputando unha primeira tempada nas filas do New York Cosmos, onde compartiu equipo con xogadores como o seu compatriota Carlos Alberto Torres, a lenda alemá Franz Beckenbauer, o italiano Giorgio Chinaglia, o histórico centrocampista neerlandés Johan Neeskens ou o defensa galego Santiago Formoso. Rematou a liga no primeiro posto da Conferencia Leste e caeu nas semifinais do play-off polo título ante os Vancouver Whitecaps. Marcou 8 goles nos seus 24 partidos co club, e foi elixido no segundo mellor equipo ideal da tempada.
Ao ano seguinte militou nos Fort Lauderdale Strikers de Florida, onde tivo como compañeiros entre outros ao dianteiro alemán Gerd Müller e ao centrocampista peruano Teófilo Cubillas. Xogou 19 encontros co equipo, anotando 3 goles, e os Strikers remataron a tempada como subcampións tras perder na final dos play-offs diante do Cosmos por 0-3 ante o Cosmos. Marinho non xogou a final.
De regreso a Brasil gañou co São Paulo o Campionato Paulista de 1981, o título máis destacado da súa carreira, superando na final ao Ponte Preta por 1-1 e 2-0. A súa actuación persoal nesa tempada valeulle unha terceira Bola de Prata. Despois de pasar por varios equipos brasileiros máis (Bangu, Fortaleza, América de Natal) e polo Los Angeles Heat estadounidense, puxo fin á súa carreira como xogador cunha breve etapa en Alemaña, onde xogou no BC Harlekin de Augsburgo, da división afeccionada máis baixa do país, a "C-Klasse". O club fora creado polo empresario Peter Eiba, que fichou, ademais da Marinho Chagas, a algunhas antigas celebridades menores da Bundesliga co obxectivo de levar o equipo ata a elite do fútbol alemán, cousa que nunca aconteceu.
Trala súa retirada regresou a Natal, onde se presentou como candidato á alcaldía da cidade polo Partido Liberal, sen éxito. Uns anos antes tivera unha pequena incursión no mundo da música, publicando o sinxelo Eu Sou Assim.
En 1991 foi contratado como adestrador do El Paso Patriots, un equipo afeccionado da Southwest Independent Soccer League dos Estados Unidos.
Selección brasileira Foi internacional coa selección brasileira en 24 partidos oficiais (ademais doutros 8 non oficiais) e marcou catro goles. Debutou nunha derrota nun amigable ante Suecia en xuño de 1973. Foi convocado por Zagallo para o Mundial de 1974, onde disputou todos os partidos como titular, formando xunto a Luís Pereira, Marinho Peres e Nelinho (substituído por Zé Maria nos partidos finais) unha defensa moi sólida que só encaixou catro goles en sete partidos. O equipo brasileiro acabou cuarto.
Xogou o seu último partido co Brasil en xuño de 1977 ante Iugoslavia.
Vida persoal e morte Despois de anos batallando contra o alcoholismo, o que lle provocou varias doenzas, faleceu o 31 de maio de 2014 en Coronel João Pessoa, por unha hemorraxia dixestiva. No momento da súa morte, traballaba como comentarista deportivo nunha emisora de Natal. Tiña 62 anos de idade.
Foi pai de tres fillos, dous homes e unha muller.
Palmarés São Paulo
Campionato Paulista (1): 1981.
ABC
Campionato Potiguar (1): 1971.
Brasil
Copa Roca (1): 1976. Copa Rio Branco (1): 1976.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Marinho Chagas: Ex-lateral do Botafogo, Fluminense e São Paulo, por Rogério Micheletti: en Terceiro Tempo: Que fim levou? . Datos do xogador na North American Soccer League .
Categoría:Nados no estado do Río Grande do Norte Categoría:Nados en 1952 Categoría:Finados en 2014 Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Clube Náutico Capibaribe Categoría:Xogadores do Botafogo Categoría:Xogadores do Fluminense FC Categoría:Xogadores do New York Cosmos Categoría:Xogadores do São Paulo FC Categoría:Xogadores do Bangu Atlético Clube Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1974