Ángel Aller Villa, nado en Betanzos o 16 de abril de 1887 e finado en Montevideo o 15 de maio de 1976, foi un escritor e xornalista galego.

Traxectoria Estableceuse coa familia en Santiago de Compostela. Emigrou coa familia ao Uruguai en 1906, radicándose primeiro en Paso de los Toros (Tacuarembó) e dous anos despois en Montevideo. Participou nas actividades da colectividade galega, formando parte da secretaría de redacción de Tierra Gallega, colaborando no semanario Galicia Nueva, con Centro Gallego de Montevideo e co periódico Arazua. En 1929 foi un dos fundadores da Asociación Protectora de la Cultura Gallega, da que foi presidente, e tamén presidiu o Centro Gallego de Montevideo.

Vinculouse aos grupos literarios máis renovadores e participou na revista Cartel (1929-1931), fundada por Julio Sigüenza, Jaime Luis Morenza e Alfredo Mario Ferreiro; colaborou na etapa uruguaia da revista Alfar, dirixida por Julio José Casal. O seu libro de poemas Romance del gaucho perdido (1930), é unha recreación lírica da figura do escritor Francisco Espínola e, sobre todo, do libro de contos deste Raza ciega (1926). A súa actividade cultural foi febril neses anos, facendo de ponte para invitar a conferenciantes españois de primeira liña que, previamente, pasaban por Buenos Aires (José Ortega y Gasset, Ramón Pérez de Ayala, entre outros).

Definiuse a prol do bando franquista e tratou en conferencias, libros e folletos os temas da "hispanidad" (Retorno de Iberia: cinco glosas, Cultura y Raza). participou na homenaxe realizado en 1939 para celebrar a vitoria de Franco e en memoria do fundador de Falange Española, José Antonio Primo de Rivera. Por tales actividades Franco condecorouno como Comendador de la Orden del Mérito Civil en 1957.

O seu último recoñecemento como creador obtívoo ao figurar na selecta antoloxía 18 poetas del Uruguay, que o arxentino Romualdo Brughetti publicou no selo binacional da Sociedad de Autores de Libros Rioplatenses (SALRP, 1937).

Obras Romance del gaucho perdido: tres jornadas en pos de Espínola (poesía). Montevideo, Cartel, 2º Cuaderno, 1930. La pintura de Méndez Magariños (ensayo). Montevideo, 1931. Romances de mar y de tierra (poesía). Montevideo, 1936. Retorno de Iberia; cinco glosas (ensayo). Montevideo, 1938. Romance de la soledad: dos cantos (con Carlos Sabat Ercasty) (poesía). Montevideo, 1944. Cultura y raza (ensayo). Montevideo, Morales, 1945. Saudade, emoción de Galicia (ensayo). Montevideo, Talleres Gráficos “Impresora Uruguaya”, 1947. Paisajes; evocación de España (ensayo). Montevideo, Florensa y Lafón, 1948. Camino; itinerario de una romería (ensayo). Montevideo, Florensa y Lafón, 1953. La pintura de González del Blanco (ensayo). Montevideo, 1955. Romancero (poesía). Montevideo, Banda Oriental, 1979. (Prólogo de Arturo Sergio Visca). [Recolle os dous primeiros libros de poemas].

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha na Universidad de la República del Uruguay.

Categoría:Xornalistas de Betanzos Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Galegos do Uruguai Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en 1887 Categoría:Finados en 1976