Miguel Jones Castillo, nado en Santa Isabel, Guinea Española, o 27 de outubro de 1938 e finado en Bilbao o 8 de abril de 2020, foi un futbolista español de orixe ecuatoguineana. De posición polivalente, desenvolveu a maior parte da súa carreira no Atlético de Madrid.

Traxectoria Fillo do destacado empresario e político ecuatoguineano Wilwardo Jones Níger e da súa muller Susana, naceu en Guinea Ecuatorial durante a época colonial española, e chegou á Península Ibérica en 1943 cos seus pais e os seus seis irmáns. Instaláronse en Bilbao, cidade na que estudara o seu pai e na que se criou. Estudou en Navarra, no colexio Lekaroz dos Capuchinos e licenciouse en Ciencias Económicas pola Universidade de Deusto.

Seareiro do Athletic Club dende neno, foi descuberto por Ferdinand Daučík mentres xogaba un partido co equipo da súa facultade, fronte a Deusto, onde militaba o fillo do adestrador, Yanko Daučík. O técnico levouno entón ao Athletic Club, co que estivo adestrando un mes e co que chegou a disputar un partido amigable fronte ao Indautxu en xaneiro de 1956. Con todo, a directiva do club rexeitou a súa fichaxe xunto á de Chus Pereda por non seren biscaíños de nacemento. Fichou entón polo Barakaldo, co que debutou na Segunda División na campaña 1956/57, compartindo equipo con Telmo Zarra entre outros. En 1957 pasou a xogar no Indautxu de Rafael Iriondo, tamén de Segunda, onde coincidiu con futbolistas como Eusebio Ríos, Isasi ou Chus Pereda. O equipo rematou cuarto esa tempada e terceiro na seguinte, anotando Jones un total de 27 goles.

En 1959 fichou polo Atlético de Madrid baixo a dirección de Daučík e militou durante oito tempadas no equipo madrileño. O seu debut produciuse no Stadium Metropolitano de Madrid o 18 de outubro de 1959 nunha derrota por 0-2 diante do Granada.

Con Vavá e Mendonça como dianteiros estrela do equipo, non tivo apenas oportunidades durante a súa primeira campaña, na que disputou só ese partido de liga. Con todo, foi titular na Copa do Xeneralísimo a partir dos cuartos de final, e na ida das semifinais marcou catro goles na histórica goleada por 8-0 sobre o Elche. Anotou tamén na final que o seu equipo gañou diante do Real Madrid.

Gañou protagonismo no equipo durante os seguintes anos, e na campaña 1961/62 anotou un total de 18 goles, un deles na final da Recopa de Europa que o seu equipo conquistou ante a Fiorentina. O seu bo nivel valeulle a convocatoria de José Villalonga para varios partidos da selección española en 1962, pero nunca chegou a debutar. Futbolista polivalente, xogou tanto como dianteiro centro como centrocampista, interior e incluso defensa central. Gañou outras dúas Copas do Xeneralísimo e a liga da tempada 1965/66, con Balmanya no banco. Militou no Atlético durante oito tempadas, acumulando 129 partidos oficiais e 51 goles.

Aínda que en 1967 decidiu retirarse, acabou sendo convencido por Osasuna para disputar con eles unha última campaña na Segunda División. Disputou 10 partidos co club, nos que marcou dous goles, e a continuación colgou definitivamente as botas.

Instalado en Bilbao, foi durante 15 anos directivo do Indautxu, e socio do Athletic Club, sendo un habitual seareiro en San Mamés. Faleceu en Bilbao o 8 de abril de 2020, aos 81 anos por mor dunha pneumonía complicada polo COVID-19.

Notas

Categoría:Nados en 1938 Categoría:Nados en Guinea Ecuatorial Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Futbolistas de Guinea Ecuatorial Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Xogadores do Barakaldo CF Categoría:Xogadores da SD Indautxu Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Finados en 2020 Categoría:Finados pola COVID-19 en España