miniatura|Capitolio de Porto Rico, sede da Asemblea Lexislativa, en San Xoán.
A Asemblea Lexislativa de Porto Rico (en español, Asamblea Legislativa de Puerto Rico; e en inglés, Legislative Assembly of Puerto Rico) é a institución que exerce o poder lexislativo do Estado Libre Asociado de Porto Rico. Está composta polo Senado e a Cámara de Representantes e o Capitolio, na cidade de San Xoán, é a súa sede.
Antecedentes
Disposicións españolas A finais do século XIX o independentismo de Porto Rico e as presións dos Estados Unidos, levaron a España a modificar a súa política con respecto ás súas colonias das Antillas. Así en 1897, o goberno do liberal Práxedes Mateo Sagasta aprobou unha serie de decretos que estendían os dereitos individuais consagrados na Constitución de 1876 e o sufraxio universal masculino para os habitantes de Porto Rico. Nesta liña, que pretendía conter as pulsións independentistas, o 25 de novembro de 1897 a raíña rexente, María Cristina de Habsburgo-Lorena sancionou a Carta Autonómica de Porto Rico.
A Carta Autonómica confírelle ás "cámaras insulares" a facultade de "lexislar sobre asuntos coloniais". Estas cámaras, iguais en funcións, eran o Consello de Administración e a Cámara de Representantes. A primeira estaba integrada por 15 membros dos que 8 eran escollidos por sufraxio, mentres que os 7 restantes eran designados polo Gobernador en nome do rei de España. A Cámara de Representantes contaría cun deputado por cada 25 000 habitantes. Aínda que se fixaron eleccións para o 27 de marzo de 1898, a invasión estadounidense da illa deixou sen efecto a Carta Autonómica.miniatura|Selo oficial da Cámara de Representantes Disposicións estadounidenses Logo da vitoria dos Estados Unidos sobre España, o Congreso dos Estados Unidos fixo leis para a administración de Porto Rico. O senador por Ohio Joseph Foraker propuxo a lei que estableceu un goberno civil na illa, é a Organic Act de 1900 ou Lei Foraker. Nela determinouse que o lexislativo estaría conformado por unha Asemblea Lexislativa integrada polo Consello Executivo (integrado por 11 membros, dos que 5 debían ser portorriqueños, escollidos polo presidente dos Estados Unidos para un período de 4 anos) e a Cámara de Delegados (formado por 35 membros escollidos cada dous anos). Malia a que a Asemblea Lexislativa contaba con autonomía para os asuntos internos da illa, as leis aprobadas por ela debían ser remitidas ao Congreso dos Estados Unidos, institución que poderían anular a lexislación portorriqueña.
En 1917, o presidente Woodrow Wilson asinou a Lei Jones-Shafroth que viña de ser aprobada polo Congreso. Esta lei supuxo un cambio significativo pois establecía unha separación de poderes efectiva. O lexislativo foi outorgado a un parlamento propio de Porto Rico que mantiña a denominación de Asemblea Lexislativa, composta polo Senado, de 19 interantes, e a Cámara de Representantes, de 39 deputados. Tanto os representantes como os senadores eran escollidos cada catro anos polos portorriqueños.
Composición A Constitución do Estado Libre Asociado de Porto Rico, aprobada o 25 de xullo de 1952, determina no seu artigo 3º a composición e atribucións da Asemblea Lexislativa:
O Senado: con 27 membros electos cada catro anos. A Cámara de Representantes: de 51 membros electos cada catro anos.
Os lexisladores deben saber ler e escribir en inglés ou en castelán e deben ser cidadáns dos Estados Unidos e de Porto Rico, residindo na illa durante, polo menos, os dous anos previos á súa elección. Existen uns requirimentos de idade, así para ser representante cómpre ter 25 anos e 30 para senador.
En 2005 levouse a cabo un referendo no que se consultou á cidadanía sobre se a Asemblea Lexislativa debía conservar a súa bicameralidade ou se debía ser unicameral. O resultado mostrou unha posición favorable á unicameralidade co 83,8% fronte o 16% de votos que defenderon a estrutura bicameral. No plebiscito participou o 22,6% do censo. Malia a isto, non se desenvolveu lexislación para aplicar o resultado da consulta.
Procedemento lexislativo miniatura|Hemiciclo do Senado de Porto Rico Os lexisladores deben presentar o seu proxecto de lei, baixo o seu nome, na oficina de trámites (rexistro) da cámara á que pertenzan. Alí é enviado á comisión parlamentaria correspondente e tamén é lida por primeira vez ante o plenario. A comisión, valorado o texto, elabora un informe que pode recomendar a aprobación con ou sen emendas, a súa substitución por outro proxecto, ou que sexa rexeitado. Posteriormente, o proxecto pasa á cámara para o seu debate, modificación e voto. No caso de ser aprobada, o texto pasa á outra cámara colexisladora onde o procedemento é o mesmo.
Unha lei aprobada pola Asemblea Lexislativa portorriqueña debe ser asinada polo gobernador para entrar en vigor. Se é rexeitada, a Asemblea Lexislativa pode revogar o veto co voto favorable de dous terzos dos seus integrantes.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Porto Rico
Ligazóns externas
Páxina web da Oficina dos Servizos Lexislativos da Asemblea Lexislativa(en castelán) Páxina web do Senado (en castelán) Páxina web da Cámara de Representantes (en castelán)
Categoría:Porto Rico Categoría:Política dos Estados Unidos de América Categoría:Parlamentos