A adenosilcobalamina (AdoCbl), tamén chamada coencima B12, cobamamida e dibencozide, é, xunto coa metilcobalamina (MeCbl), unha das formas bioloxicamente activas da vitamina B12.
A adenosilcobalamina participa como cofactor en rearranxos dos esqueletos moleculares mediados por radicais. Estes procesos requiren a formación do radical desoxiadenosil por disociación homolítica do enlace carbono-cobalto. Este enlace é excepcionalmente feble, cunha enerxía de disociación do enlace de 31 kcal/mol, o cal diminúe aínda máis no ambiente químico do sitio activo dun encima. Un encima que utiliza a adenosilcobalamina como cofactor é a metilmalonil-CoA mutase (MCM).
Estudouse o papel da adenosilcobalamina na regulación da expresión dalgúns xenes bacterianos. Ao unirse ao factor de transcrición CarH, a adenosilcobalamina pode modular os xenes para a biosíntese de carotenoides, que lle dan cores cálidas a varias plantas. A transcrición destes xenes é activada pola luz solar debido á adenosilcobalamina. Ademais do CarH hai outros fotorreceptores en diferentes comunidades bacterianas, que tamén teñen capacidade reactiva cando se unen á adenosilcobalamina. Por exemplo, o AerR é outro factor que usa a adenosilcobalamina para dar lugar a unha pigmentación púrpura. Un exame adicional dos encimas que se unen á adenosilcobalamina e o desenvolvemento deste cofactor proba que ten unha función reguladora da expresión do ADN e ARN.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Metilcobalamina Hidroxocobalamina Cianocobalamina Vitamina B12 Biosíntese da cobalamina Óxido nítrico
Ligazóns externas
Categoría:Vitaminas Categoría:Cofactores Categoría:Compostos de organocobalto