Jokkmokk é un municipio sueco (kommun) do condado de Norrbotten. Atópase no landskap de Lappland e a súa capital é a localidade de Jokkmokk.
O terreo montañoso cobre unha parte significativa da superficie do municipio e o Parque Nacional Sarek, un dos catro parques nacionais do concello, está considerado no presente a derradeira terra virxe de Europa. Tamén é a natureza, a través dos bosques, a auga, o turismo e a cría de renos, a que forma a base da economía de Jokkmokk.
Dende a fundación do municipio na década de 1970 a tendencia de poboación ten sido negativa. En decembro de 2024 o concello tiña unha poboación de 4 701 habitantes.
Administración histórica Cando se levou a cabo a reforma municipal de 1862 en Laponia en 1874, formouse o municipio rural de Jokkmokk na parroquia do mesmo nome.
A reforma municipal de 1952 non afectou ás divisións da zona, afectando tampouco aos condados de Västerbotten e Norrbotten. Coa reforma municipal de 1971 fundouse o concello de Jokkmokk tras a reorganización do concello rural de Jokkmokk.
Dende o seu nacemento ata o 28 de xaneiro de 2002 o concello pertenceu ao partido xudicial de Boden e dende entón forma parte do de Gällivare.
Xeografía O concello limita ao oeste cos municipios noruegueses de Tysfjord, Hamarøy, Sørfold e Fauske, e cos suecos de Gällivare ao norte, de Boden ao leste, de Älvsbyn ao sueste, e de Arvidsjaur e Arjeplog ao sur. O concello de Jokkmokk é segundo máis grande de Suecia en superficie, sendo un pouco máis grande que o landskap de Värmland, un pouco máis pequeno que o de Ångermanland e o dobre de grande que o de Escania.
Topografía e hidrografía O terreo montañoso cobre unha parte importante do municipio de Jokkmokk, e nel atópase por exemplo o macizo Áhkká, situado no sueste do parque nacional de Stora Sjöfallet. Porén a zona montañosa máis coñecida de Jokkmokk é o parque nacional de Sarek. No presente Sarek é considerado un dos últimas áreas de natureza salvaxe de Europa, con espectaculares vales e maxestosas montañas de ata 2 000 metros sobre o nivel do mar.
Hai grandes masas de auga dentro dos límites do concello, os dous ríos Lule atravesan o municipio e reúnense en Vuollerim para formar o Stora Lule. No municipio existen varias plantas hidroeléctricas entre as que destaca a de Harsprånget, a máis grande de Suecia en termos de produción.
Conservación da natureza No concello de Jokkmokk hai catro parques nacionais: Sarek, Muddus, Padjelanta e Stora Sjöfallet.
A reserva natural de Jelka-Rimåkåbbå, que pertence á Rede Natura 2000, foi creada en 2019 e con ela a metade da superficie do concello é espazo natural protexido. Ademais de Jelka-Rimåkåbbå, había 64 reservas naturais no municipio en 2022.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Norrbotten