Manuel Gutiérrez Abella, nado en Paradaseca (Vilafranca do Bierzo) en 1912, foi un guerrilleiro antifranquista.

Traxectoria Militante do PCE. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 desertou do exército rebelde e formou parte dun grupo de prófugos da zona de Casaio xunto cos irmáns Gutiérrez Alba e Amaro Pérez Poncellas cos que despois se uniu á guerrilla. En abril de 1942 participou no congreso de Ferradillo no que se fundou da Federación de Guerrillas de León-Galicia, organización que non abandonou pese ás ordes do PCE. Foi lugartenente de Edelmiro Alonso García subxefe da 3ª Compañía da I Agrupación da Federación que actuaba entre a estrada Ponferrada-Lugo, os límites das provincias de Lugo e Asturias, e o río Sil entre Ponferrada e Villablino.

En xullo de 1947 xunto con César Ríos, Serafín Fernández Ramón, Amadeo Fornelo a súa compañeira Antonia Rodríguez Ríos, Edelmiro Alonso e súa muller Adoración Campo, decidiu trasladarse a Francia. Reuníronse os sete o 27 de xullo preto de Pobladura, a poucos quilómetros de Ponferrada. Escondidos na casa dun enlace, foron avisados ​​pola noite da chegada da Garda Civil, e quedaron inmediatamente baixo os disparos dos gardas. Tres resultaron feridos, pero todos lograron fuxir e recuperar o seu punto de apoio. Pouco despois, un grupo de seis guerrilleiros cenetistas conseguiron saír do Bierzo e chegar a Bilbao desde onde foron evacuados por García Magdalena e outros militantes cenetistas. Aproveitando o partido de fútbol entre o Athletic Club e a Real Sociedad os guerrilleiros foron a Donostia en trens repletos de simpatizantes, o que impediu o control rigoroso da policía. Despois trasladáronse a Francia.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Guerrilleiros antifranquistas Categoría:Nados en Vilafranca do Bierzo Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en ano descoñecido