Erik Manuel Lamela Cordero, nado en Carapachay, Buenos Aires, o 4 de marzo de 1992, é un exfutbolista arxentino, de ascendencia galega, que xogaba como centrocampista ofensivo ou extremo.

Con só 12 anos, as súas actuacións na canteira do River Plate atraeron a atención da prensa mundial e dos grandes clubs europeos, que tentaron a súa fichaxe. Con todo, continuou no club bonaerense ata debutar co primeiro equipo, e despois de dous anos na Primeira División da Arxentina, foi traspasado á Roma, da Serie A, na que xogou outras dúas tempadas. En 2013 fichou polo Tottenham, no que militou durante oito anos, ata 2021. Disputou co club de Londres 257 partidos oficiais, marcando 37 goles e repartindo 47 asistencias, e acadou a final da Liga de Campións na tempada 2018/19. A continuación xogou tres anos no Sevilla, co que gañou unha Europa League.

Internacional coa selección arxentina entre 2011 e 2018, disputou 25 partidos coa selección celeste, coa que participou en dúas edicións da Copa América, en 2015 e 2016, rematando en ambas subcampión.

Traxectoria

Orixes Naceu o 4 de marzo de 1992 en Carapachay, no municipio de Vicente López, ao norte da cidade de Buenos Aires. Seu pai, José Lamela, é fillo de dous emigrantes galegos, de Castromaior (Abadín) e Vilalba, que se instalaron na Arxentina en 1955. Súa nai, Miriam Cordero, é tamén descendente de galegos, sendo os avós desta naturais da Coruña e de Ourense.

Comezos Ingresou na canteira de River Plate con sete anos e comezou axiña a destacar. Con 12 anos visitou por primeira vez Galicia, para disputar con River Plate o prestixioso torneo Arousa Fútbol 7. Proclamouse campión do mesmo, despois de marcar 13 goles, dous deles na final contra o Valencia, e foi elixido mellor xogador do torneo. As súas actuacións en Vilagarcía, así como os 120 goles que marcara con River na tempada anterior, espertaron o interese dos clubs de fútbol europeos e convertérono nunha figura dos medios que ocupaba titulares de medios internacionais. O Barcelona ofreceulle a Lamela e á súa familia 120.000 euros ao ano, así como unha casa e un emprego para os seus pais, para que se mudaran á cidade de Barcelona, pero a familia continuou na capital arxentina, onde Erik xogou cinco anos máis na canteira de River.

River Plate O 14 de xuño de 2009 debutou co primeiro equipo de River Plate, nun partido contra Tigre correspondente ao Torneo Clausura de 2009. Entrou no campo no minuto 80, substituíndo a Robert Flores. Marcou o seu primeiro gol o 5 de decembro de 2010 nun partido do Torneo Apertura contra Colón.

Foi un habitual no centro do campo de River durante a tempada 2010/11, xogando 34 partidos e marcando catro goles, pero o equipo acabou descendendo á Primeira B.

Roma miniatura| Lamela (dereita) coa camiseta da Roma nun partido contra o Chelsea en 2013 O 6 de agosto de 2011 desembarcou no fútbol europeo ao ser traspasado á Roma da Serie A, por 12 millóns de euros máis 2 adicionais por obxectivos. Realizou a súa estrea na Serie A o 23 de outubro de 2011, nun partido ante o Palermo no que ademais marcou o seu primeiro gol en Italia. Rematou a súa primeira tempada no Stadio Olimpico con seis goles en 31 partidos entre liga e Copa de Italia.

Os seus números melloraron na tempada 2012/13, na que a pesar de perder un mes de competición por unha lesión nun nocello, acadou os 15 goles, sendo o quinto máximo goleador da liga e o segundo da Roma, cun gol menos que Pablo Osvaldo. Entre os seus tantos destacaron un no derbi contra a Lazio e dous nunha vitoria por 4-2 sobre o Milan. O equipo acabou sexto, fóra de novo das competicións europeas, e pechou a tempada perdendo a final da Copa de Italia ante o seu máximo rival, a Lazio.

Tottenham Hotspur En agosto de 2013, converteuse na fichaxe máis cara da historia do Tottenham Hotspur, que pagou por el un prezo duns 30 millóns de euros. Debutou na Premier League o 1 de setembro, nun derbi contra o Arsenal no Emirates Stadium no que substituíu no minuto 75 a Andros Townsend. O 7 de novembro marcou o seu primeiro gol co club de Londres na vitoria por 2-1 sobre o Sheriff Tiraspol na Europa League. Disputou só 17 encontros entre tódalas competicións durante a súa primeira tempada en Inglaterra, que rematou cunha lesión nas costas en abril de 2014.

Na tempada 2014/15, trala chegada ao banco do seu compatriota Mauricio Pochettino, fíxose coa titularidade no equipo londiniense. Xogou un total de 46 encontros, e aínda que marcou só 5 goles, foi o líder do equipo en asistencias, con 10. Un dos seus goles foi unha "rabona" dende fóra da área fronte ao Asteras Tripoli na Europa League, que foi elixido mellor gol da competición.

Continuou sendo unha peza clave no Tottenham de Pochettino na tempada 2015/16, contribuíndo ao terceiro posto acadado polo equipo na Premier League, competición na que fixo cinco goles. Con todo, as súas mellores cifras goleadores conseguiunas na Europa League, na que marcou seis tantos, incluído un triplete sobre o Monaco.

Na tempada 2016/17 sufriu unha lesión na cadeira que lle impediu sumar máis de 14 partidos. Despois de dúas operacións e máis dun ano de baixa, reapareceu o 28 de novembro de 2017 nun partido contra o Leicester no King Power Stadium. Deulle a asistencia a Harry Kane no único gol dos Spurs, pero o partido rematou en derrota por 2-1. Disputou 34 partidos oficiais durante a tempada e marcou catro goles.

En xullo de 2018 asinou unha ampliación do seu contrato co Tottenham durante catro anos máis, ata 2022. O 3 de outubro de 2018 marcou o gol número 8.000 da historia da Liga de Campións, nunha derrota por 2-4 contra o Barcelona. Nesa mesma edición da Liga de Campións, acadou a final, aínda que viu dende o banco como o título ía parar ás vitrinas do Liverpool. Pechou a tempada con 35 partidos e 6 goles.

Na seguinte tempada disputou 25 partidos de liga e foi foi titular nos oitavos de final da EFL Cup ante o Chelsea, onde marcou o único gol do seu equipo para empatar o partido (1-1). Na quenda de penaltis anotou o seu lanzamento, contribuíndo así á vitoria do Tottenham por 5-4. En xaneiro de 2021 foi multado e afastado do equipo durante varias xornadas por incumprir a normativa relativa á prevención do COVID-19 ao asistir a unha festa de Nadal. O 14 de marzo saíu dende o banco e anotou unha rabona para axudar aos Spurs a tomar a vantaxe no derbi do norte de Londres, pero posteriormente foi expulsado por unha dobre tarxeta amarela e os Spurs caeron por 2-1. O seu gol foi votado como o Gol da Tempada en Match of the Day e gañou tamén o Premio Puskás da FIFA ao mellor gol do ano no mundo.

Sevilla En xullo de 2021 foi traspasado ao Sevilla, nun intercambio por Bryan Gil, e no club andaluz coincidiu con varios xogadores arxentinos como Gonzalo Montiel, Lucas Ocampos, Marcos Acuña e Papu Gómez. Marcou dous goles no seu debut na Primeira División, na vitoria por 3-0 ante o Rayo Vallecano. Continuou rendendo a un excelente nivel durante os seguintes meses, anotando catro goles máis e repartindo dúas asistencias ata que unha lesión nun ombreiro en novembro de 2021 cortou a súa traxectoria e o deixou varios meses sen xogar.

Na tempada 2022/23 disputou 49 partidos entre todas as competicións e marcou 9 goles Un deses tantos anotouno na prórroga do partido de volta das semifinais da Europa League ante a Juventus no Ramón Sánchez Pizjuán e serviu para clasificar ao equipo de Mendilibar para a final. Esta celebrouse no Puskás Aréna de Budapest e como rival tivo a un dos seus antigos equipos: a Roma. Despois de que os 90 minutos regulamentarios e a prórroga acabasen co resultado de 1-1, o partido decidiuse nunha quenda de penaltis na que Lamela anotou o segundo dos lanzamentos, contribuíndo á vitoria final do club andaluz, que sumou o seu sexto título do torneo.

Na súa terceira tempada en Sevilla volveu baixar a súa participación, lastrado por unha nova lesión, e disputou 19 partidos, só 9 deles como titular. En xuño de 2024, ao remate do seu contrato, abandonou o club.

AEK Atenas En xullo de 2024 asinou polo quinto club da súa carreira deportiva, o AEK Atenas, nun quinto país diferente, Grecia, onde tivo como adestrador ao seu compatriota Matías Almeyda. Co conxunto ateniense disputou un total de 31 partidos, contabilizando 6 goles e 3 asistencias, incluído un espectacular tanto no derbi das aguias bicéfalas contra o PAOK, cunha volea dende fóra da área. Con todo, as dores crónicas resultantes das súas lesións impedíanlle adestrar cos seus compañeiros, tendo que facelo pola súa conta no ximnasio. Finalmente, e a pesar de ter contrato ata 2027, a dor obrigouno a anunciar a súa retirada en agosto de 2025, con só 33 anos.

Selección arxentina Foi internacional coa selección arxentina sub-20 coa que disputou a Copa do Mundo de Fútbol sub-20 de 2011, marcando tres goles en catro partidos e caendo nos cuartos de final ante Portugal na quenda de penaltis.

Debutou como internacional absoluto coa selección arxentina o 25 de maio de 2011, nun partido amigable contra Paraguai. O 3 de setembro de 2014 marcou o seu primeiro gol coa selección, poñendo o 2-0 no marcador ante Alemaña, nun partido amigable que rematou con vitoria arxentina por 4-2.

En maio de 2015 foi un dos seleccionados polo adestrador Gerardo Martino para a Copa América 2015 celebrada en Chile, pero disputou só uns minutos no partido contra Xamaica. En 2016 foi convocado de novo polo "Tata" Martino para a Copa América Centenario. Participou en tódolos partidos, incluída a final que o seu equipo perdeu ante Chile na quenda de penaltis. Marcou dous goles durante o torneo, ante Bolivia, cun lanzamento de libre directo, e contra Venezuela.

Trala súa graves lesión, estivo ausente da selección durante dous anos, ata que volveu ser convocado en novembro de 2018.

Trala retirada Pouco despois da súa retirada regresou á estrutura do Sevilla, como parte do corpo técnico do adestrador Matías Almeyda.

Vida persoal Ten dous fillos coa súa parella, Sofía Herrero: Tobias, nacido en 2017, e Thiago, nacido en 2020. É curmán do tamén futbolista Agustín Palavecino, xogador de River Plate.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Sevilla FC .

Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados na provincia de Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA River Plate Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Xogadores do Tottenham Hotspur FC Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do AEK Atenas FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Arxentina