Cynthia Lillian Lennon Charles (de solteira Powell) nada o 10 de setembro de 1939 en Blackpool e finada o 1 de abril de 2015 en Mallorca, foi unha artista, empresaria e escritora británica, coñecida por ser a primeira esposa de John Lennon. Como resultado desta unión, tamén se coñeceu como Cynthia Lennon. Mesmo despois do seu divorcio, continuou posuíndo e usando o nome "Lennon", en solidariedade con Julian, o seu fillo con John.
Biografía
Relación con Lennon En 1958, John Lennon e Cynthia Powell coñecéronse no Liverpool College of Art, en Liverpool, e inmediatamente el sentiuse atraído pola súa semellanza coa actriz Brigitte Bardot (dise que Cynthia sabía desa filia e por iso tinguiu o seu cabelo a loiro para se parecer á actriz). Lennon viaxou moito e sempre se comunicou coa súa paixón por carta. En 1962, despois de catro anos de relación, mudáronse xuntos a Londres. O 8 de abril de 1963 tiveron o seu único fillo, nacido en Liverpool: Julian Lennon. Cynthia e John casaron oficialmente ese mesmo ano, o 23 de agosto. A súa unión con John foi sempre unha fonte de desesperación para Brian Epstein, o axente musical de John, xa que un Beatle era un obxecto de desexo para as mozas adolescentes, e ao John estar casado reducía as posibilidades de éxito na súa carreira, e tratou de que mantivesen en segredo a relación. Porén, en 1968 o matrimonio xa estaba desgastado debido ás constantes loitas por celos. Neste ano, John coñeceu á artista xaponesa Yoko Ono, comezando a relacionarse con ela. Despois marchou da casa e a parella de John e Cynthia divorciouse.
Obra escrita Cynthia publicou dúas memorias da súa vida con John, John e A Twist of Lennon nas que conta momentos persoais co seu marido, relatando gran parte da súa vida co artista antes da fama e no inicio da Beatlemanía. Sempre relatou ter sufrido coa ausencia de John e dixo que as drogas "abriron un abismo" entre ambos. Preto do final da súa vida, sorprendeu a amigos e fans confesando que se soubera as consecuencias que tería o seu namorado por Lennon, "daría a volta e teríase afastado del para sempre".
Anos finais Despois do fin do seu matrimonio con Lennon, volveu casar tres veces máis. Debido aos seus matrimonios con homes estranxeiros, viviu en varios países como Gales, Irlanda e España.
Cynthia estaba viúva do seu cuarto marido desde 2013 e vivía soa nas Illas Baleares. Morreu en Mallorca despois de loitar contra un cancro.
Notas
Véxase tamén
John Lennon Julian Lennon The Beatles
Categoría:Nados en Blackpool Categoría:Finados en 2015 Categoría:Nados en 1939 Categoría:The Beatles