Alfredo Foni, nado en Udine o 20 de xaneiro de 1911 e finado en Lugano o 28 de xaneiro de 1985, foi un futbolista e adestrador italiano, que xogaba como lateral dereito.
A súa actividade como futbolista estivo estreitamente vencellada á Juventus, equipo co que obtivo os seus maiores éxitos durante os seus trece anos de militancia no club. Conquistou co equipo piemontés a Serie A na tempada 1934/35 e dúas Copas de Italia. Formou xunto co lateral esquerdo Pietro Rava, compañeiro seu na Juventus e na selección italiana, unha das mellores liñas defensivas do fútbol italiano de todos os tempos, resultando decisiva tamén nas vitorias de Italia nos Xogos Olímpicos de 1936 e no Mundial de 1938. Foni e Rava son, xunto con Sergio Bertoni e Ugo Locatelli, os únicos futbolistas italianos en gañar ambas competicións.
Trala súa retirada desenvolveu unha carreira como adestrador durante tres décadas. Dirixiu varios equipos da Serie A, obtendo os seus maiores éxitos no Inter de MIlán, equipo co que gañou dous campionatos de liga consecutivos (1952/53 e 1953/54). A continuación foi seleccionador de Italia, fracasando no seu intento de clasificarse para o Mundial de 1958, e posteriormente gañou aínda unha Copa de Feiras coa Roma.
Traxectoria
Como futbolista Debutou aos 16 anos nas filas do Udinese, na entón Prima Divisione, a segunda categoría do fútbol italiano. En 1929 fichou pola Lazio, debutando na Serie A o 2 de febreiro de 1930 no partido entre ante o . Despois de dúas tempadas en Roma, trasladouse ao Padova, no que xogou tres anos.
En 1934 fichou pola Juventus, á que chegou para substituír a Virginio Rosetta. Nos seguintes 14 anos converteuse nun emblema do club, co que disputou 266 partidos de liga, sen faltar a un só partido durante as primeiras sete campañas.
Nas súas trece tempadas na Juve, ademais de formar unha famosa parella de laterais con Pietro Rava, gañou o scudetto en 1935, o último do denominado Quinquenio de Ouro, e dúas Copas de Italia, en 1938 e en 1942. Despois de deixar o club piemontés, na tempada 1948/49 xogou no Chiasso suízo.
Selección italiana Debutou coa selección italiana o 3 de agosto de 1936, durante os Xogos Olímpicos de Berlín, onde gañou a medalla de ouro, a única dos azzurri en toda a historia.
No Mundial de 1938 en Francia, quedou no banco no primeiro encontro ante Noruega, pero substituíu a Eraldo Monzeglio a partir do segundo partido contra Francia, formando parella defensiva con Rava. Foi titular tamén nas semifinais ante o Brasil e na final contra Hungría, conquistando o título en París grazas aos goles de Colaussi e Piola. Pechou a súa carreira internacional en 1942, despois de 23 partidos coa camisola azul.
Adestrador Comezou a súa carreira como adestrador xa antes de colgar as botas como futbolista, facéndose cargo do Venezia na tempada 1947/48, na Serie B. Despois pasou polos bancos do Casale e do Pavia, na Serie C, antes de dirixir por primeira vez na máxima categoría, á fronte da Sampdoria, na campaña 1951/52. miniatura| Foni (de branco), adestrador do Inter de Milán campión da Serie A na tempada 1952/53. Na tempada 1952/53 aterrou no Inter de Milán, gañando a liga na súa primeira tempada e repetindo scudetto na segunda, despois dunha dura loita coa Juventus. A continuación foi chamado para dirixir a selección italiana, formando parte da comisión técnica de adestradores que dirixiron a azzurra entre 1954-1958. Con todo, fracasou ao non conseguir clasificar o equipo para o Mundial de 1958, despois da derrota ante a modesta Irlanda do Norte que pasou á historia como o "desastre de Belfast".
Máis tarde adestrou ao Bologna, Udinese e, en dous períodos distintos, á Roma, coa que gañou a Copa de Feiras en 1961, vencendo na final ao Birmingham City inglés. Posteriormente foi seleccionador doutra selección nacional, a de Suíza entre 1964 e 1967, coa que disputou o Mundial de 1966 en Inglaterra, antes de regresar fugazmente ao Inter, no campionato 1968/69. Finalmente, a súa carreira como técnico rematou na década dos 70, tras as súas últimas experiencias co Bellinzona, o Mantova e o Lugano.
Palmarés Como futbolista Juventus Serie A (1): 1934/35. Copa de Italia (2): 1937/38, 1941/42.
Selección italiana Copa do Mundo (1): 1938. Medalla de ouro dos Xogos Olímpicos (1): 1936.
Como adestrador Inter de Milán Serie A (2): 1952/53, 1953/54.
Roma Copa de Feiras (1): 1960/61.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en national-football-teams.com . Datos do xogador en worldfootball.net . Datos do xogador en eu-football.info . Datos do xogador no sitio web do Comité Olímpico Internacional . Datos do xogador no sitio web da Federación Italiana de Fútbol .
Categoría:Nados na provincia de Udine Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 1985 Categoría:Futbolistas olímpicos de Italia Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Udinese Calcio Categoría:Xogadores do SS Lazio Categoría:Xogadores do Calcio Padova Categoría:Xogadores do Juventus FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1936 Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1936 Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Italia Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial Categoría:Adestradores de fútbol de Italia Categoría:Adestradores do FC Chiasso Categoría:Adestradores do UC Sampdoria Categoría:Adestradores do Inter de Milán Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Italia Categoría:Adestradores do Bologna FC 1909 Categoría:Adestradores do AS Roma Categoría:Adestradores do Udinese Calcio Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Suíza Categoría:Adestradores do Mundial de Fútbol de 1966