Miguel González Pérez, nado en Santa Cruz de la Palma o 27 de abril de 1927 e finado en Madrid o 6 de xullo de 2021, foi un futbolista e adestrador español. Xogaba de extremo dereito e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Atlético de Madrid, sendo ademais internacional coa selección española.

Traxectoria

Como futbolista Comezou a xogar ao fútbol no Mensajero, na súa illa natal da Palma, iniciando unha carreira nas Canarias que despois continuou no Iberia de Tenerife, e no Real Club Victoria de Gran Canaria.

En 1949 fichou polo Atlético de Madrid, xa en Primeira División. Co equipo madrileño proclamouse campión de liga nas súas dúas primeiras tempadas (1949/50 e 1950/51), pero apenas tivo presenza nas aliñacións de Helenio Herrera. Na tempada 1951/52 foi cedido ao Real Oviedo, da Segunda División, co que marcou 9 goles en 21 partidos, logrando o ascenso á máxima categoría.

De regreso a Madrid, consolidouse na dianteira atlética durante as seguintes oito campañas, alcanzando os 252 partidos oficiais e 73 goles. Na tempada 1958/59 debutou na Copa de Europa, disputando 9 encontros e marcando un gol contra o Schalke 04. Despediuse do club en 1960, despois de conquistar a Copa do Xeneralísimo.

A continuación fichou polo Zaragoza, onde militou tres tempadas ás ordes de César, antes de pechar a súa carreira cunha última campaña no Murcia.

Selección española Durante a súa etapa como xogador do Atlético de Madrid, foi internacional coa selección española en 15 ocasións. Debutou en novembro de 1953, da man de Luis Iribarren, nun partido contra Suecia, e durante o seu paso polo combinado anotou dous goles, un contra Turquía e outro ante Suíza.

Como adestrador Tras colgar as botas tivo unha breve carreira como adestrador. Na tempada 1967/68 colleu as rendas do Atlético de Madrid na xornada 26, trala destitución do brasileiro Otto Glória. O seu labor foi avalado pola directiva, continuando como técnico do Atlético durante toda a tempada 1968/69, acabando sexto na liga.

A continuación dirixiu o Betis e o Hércules en Segunda, e o Getafe Deportivo en Terceira.

Palmarés Atlético de Madrid

Primeira División (2): 1949/50, 1950/51. Copa do Xeneralísimo (1): 1959/60. Real Oviedo

Segunda División (1): 1951/52.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador no sitio web da selección española . Datos do adestrador en BDFutbol

Categoría:Nados na provincia de Santa Cruz de Tenerife Categoría:Nados en 1927 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Futbolistas das Canarias Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Mensajero Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Real Murcia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do Hércules CF