Juan Carlos Álvarez Vega, nado en L'Entregu, Samartín del Rei Aurelio, o 2 de maio de 1954, é un exfutbolista e exadestrador español. Xogaba de centrocampista e disputou 357 partidos na Primeira División, a maioría deles nas filas do Sevilla.
Traxectoria
Como futbolista Debutou na Segunda División aos 17 anos, nas filas do Langreo, nun partido contra o Castellón correspondente á tempada 1971/72. Xogou no club asturiano ata 1974, cando fichou polo Hércules de Arsenio Iglesias, co que debutou na Primeira División nun encontro ante o Athletic Club en San Mamés. Na súa primeira campaña co equipo alacantino acadou o quinto posto, o mellor resultado da historia do club, sendo un habitual no centro do campo titular, xunto con xogadores como Baena ou Carcelén. Xogou unha segunda tempada no Hércules, na que o equipo rematou sexto.
A continuación fichou polo Valencia de Heriberto Herrera, club no que xogou durante dúas tempadas. En 1978 fichou polo Sevilla, equipo adestrado polo galego Carriega. Militou durante sete tempadas no club andaluz, onde compartiu centro do campo con xogadores como Montero, Julián Rubio, Scotta, Pintinho ou Ruda. Marcou un total de 41 goles en 277 partidos oficiais coa camiseta do club, co que participou tamén en dúas edicións da Copa da UEFA.
En 1985 regresou ao Hércules, onde xogou durante dúas tempadas máis, unha delas en Primeira División e a outra en Segunda, despois de descender. Xogou un total de 122 partidos oficiais co club alacantino entre as dúas etapas, marcando 19 goles.
Selección olímpica Foi internacional coa selección olímpica, pero debido á súa millonaria fichaxe polo Valencia non puido acudir aos Xogos Olímpicos de 1976 en Montreal, reservados naquel entón só para xogadores non profesionais.
Como adestrador Ocupou ata tres veces o banco do Sevilla de xeito interino: a primeira delas entre 1995 e 1996 como substituto de Toni Oliveira, a segunda en 1998 trala destitución de Vicente Miera e a última no ano 2000 trala dimisión de Marcos Alonso. Ademais dirixiu en varias etapas o filial e adestrou outros clubs, entre eles o San Roque, o Cádiz, o Castellón ou o Jaén.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados en Samartín del Rei Aurelio Categoría:Futbolistas de Asturias Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do UP Langreo Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Sevilla Atlético Categoría:Adestradores do Sevilla FC Categoría:Adestradores do Cádiz CF Categoría:Adestradores do CD Castellón Categoría:Adestradores do Real Jaén