José Pombo Grille, nado en Bembibre (Val do Dubra) en 1943 e finado na mesma localidade o 4 de decembro de 2017, foi un mestre, empresario e político galego.

Traxectoria Estudou Maxisterio e exerceu do CPI de Bembibre, do que chegou a ser o seu director. Así mesmo rexentou xunto á súa dona unha librería en Bembibre, e foi presidente e un dos fundadores do equipo de fútbol SD Dubra, a partir de 1970, onde destacaron futbolistas coma Juan Manuel Baleato Iglesias, que máis adiante lograría ser alcalde de Val do Dubra durante 20 anos.

Encabezou a lista do PSdeG-PSOE en Val do Dubra e no 1983 foi elixido alcalde, pese a lograr tan só un concelleiro, ó contar co apoio de AP do alcalde saínte Celestino Pais Puga fronte ós independentes que foran a lista máis votada. Durante este mandato destacou a posta en marcha da Festa do Emigrante, así como a colocación dunha estatua homenaxeando os emigrantes na entrada da vila. No 1987 volveu encabezar a lista socialista, volvendo lograr 1 concelleiro, pero sen conservar a alcaldía, que nesta ocasión logrou o líder do PNG, Manuel García Monteagudo (anterior líder independente), co apoio da CPG. Continuou como concelleiro na oposición, e no 1991 retirouse da primeira liña política.

Trala súa xubilación como mestre, volveu á primeira liña política no outono do 2006, asumindo o liderado orgánico dos socialistas dubreses e sendo proclamado candidato á alcaldía para as municipais de 2007. En dita convocatoria foi a terceira forza máis votada, tralo PPdeG e o BNG, logrando 1 concelleiro e mantendo o PPdeG maioría absoluta, polo que se situou na oposición, retirándose de novo da política no 2011.

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Val do Dubra

Ligazóns externas Falleció José Pombo, que fue alcalde de Val do Dubra, director de colegio y presidente del equipo El PSdeG-PSOE elige a José Pombo como nuevo secretario xeral Pombo será el número uno del PSOE dubrés

Categoría:Alcaldes de Val do Dubra Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Val do Dubra Categoría:Nados en 1943 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes