Sandro Puppo, nado en Piacenza o 28 de xaneiro de 1918 e finado na mesma cidade o 16 de outubro de 1986, foi un futbolista e adestrador italiano. Xogaba como centrocampista.
Traxectoria
Como futbolista Nado en Piacenza, pasou os seus anos de adolescencia en Shanghai, onde seu pai actuaba como violinista. Na China comezou a xogar ao fútbol, no equipo da súa escola, e cando regresou a Piacenza en 1934 presentouse ao adestrador do Piacenza, Carlo Corna, que inicialmente o colocou como mezzala. Máis tarde, pasou ao medio central, posición na que xogou o resto da súa carreira. Foi titular no Piacenza durante tres tempadas na Serie C, e as súas actuacións valéronlle a convocatoria para os Xogos Olímpicos de Berlín de 1936 xunto co seu compañeiro Carlo Girometta, aínda que foron como reserva e non chegaron a xogar.
No verán de 1937 fichou polo Inter de Milán, chamado daquela Ambrosiana-Inter, co que gañou a Serie A na súa primeira tempada, aínda que sen chegar a debutar en liga, ao contar o equipo con Renato Olmi na súa posición. Debutou coa camiseta nerazzurra o 6 de xaneiro de 1938, nun partido da Copa de Italia no campo do Napoli. Tampouco contou con moitos minutos na seguinte tempada (8 partidos na Serie A) e foi traspasado ao Venezia. Foi titular no equipo veneciano durante as seguintes catro tempadas, xogando por detrás da parella Loik - Mazzola, e conquistou a Copa Italia na campaña 1940/41. Participou tamén no Campionato Alta Italia de 1943/44, no que o equipo chegou á rolda final.
Despois da guerra foi cedido ao Piacenza, onde comezou actuando como xogador-adestrador, ata que foi substituído no banco por Renato Bodini. Regresou a Venecia para o Campionato da Serie A 1946 /47. Co descenso dos venecianos á Serie B, pasou a Roma, reclamado por Imre Senkey. Con todo, na capital sufriu unha grave lesión que puxo fin á súa carreira na elite do fútbol italiano, aínda que militou unha última tempada no modesto Thiene, no dobre papel de xogador-adestrador.
Como adestrador Despois das súas primeiras experiencias como xogador-adestrador no Piacenza e no Thiene, en 1950 converteuse no segundo adestrador do Venezia, na Serie B. En xaneiro de 1951 colleu as rendas do equipo, sendo o primeiro adestrador ata outubro, cando foi despedido e substituído por Mario Villini. No resto da tempada 1951/52 ocupou o banco do Rovereto, na Serie C.
En 1952 converteuse no adestrador da selección de Turquía, á que dirixiu nos Xogos Olímpicos de Helsinqui en 1952, acadando os cuartos de final, onde caeu eliminado por goleada (7-1) ante a poderosa Hungría, que acabaría levando a medalla de ouro. Conseguiu tamén a clasificación para o Mundial de 1954, despois de dar a sorpresa e eliminar a España. Xa en Suíza, na súa primeira participación nun Mundial, o equipo turco perdeu contra Alemaña Occidental e goleou por 7-0 a Corea do Sur. Quedou empatado a puntos coa selección alemá, polo que se se enfrontou de novo a esta para dilucidar quen pasaría á seguinte fase, sendo a vitoria para a RFA por 7-2. Nese mesmo período de dous anos (1952/54) tamén foi adestrador do Beşiktaş.
Despois sentou no banco do Barcelona, durante a tempada 1954/55, acabando subcampión de liga por detrás do Real Madrid, e facendo debutar o coruñés Luis Suárez, futuro Balón de Ouro. De regreso a Italia, adestrou durante dous anos á Juventus, levando a cabo un programa de renovación e rexuvenecemento do equipo. No equipo piemontés, alcumado a Juve dei puppanti,G.Bottazzini, C.Fontanelli, Piacenza90: partite, protagonisti, immagini, GEO Edizioni, pag.118 dirixiu a xogadores como Piero Aggradi, Flavio Emoli, Enzo Robotti e Giuseppe Vavassori.
En 1957 volveu a Venecia por motivos de saúde, e alí adestrou o Mestrina,, antes de ingresar ao ano seguinte na Federación Italiana de Fútbol. Durante un partido amigable en Budapest sentou no banco da selección B de Italia, antes de regresar de novo a Turquía, para poñerse outra vez á fronte da selección turca e do Beşiktaş.
A continuación regresou a Italia, onde adestrou o Siracusa e o Venezia, e completou a súa terceira etapa na selección turca. En 1964 pasou polo Triestina, antes de volver á selección turca, á que dirixiu en dúas etapas máis entre xaneiro de 1965 e maio de 1966, sen poder conseguir a clasificación para o Mundial de 1966. Rematou a súa carreira como adestrador no Piacenza en 1967.
Trala retirada En 1968 foi contratado pola empresa piacentina Astra do expresidente do Piacenza Enzo Bertuzzi, como intérprete e e secretario. En 1970 foi elixido pola FIFA no grupo de estudos técnicos do Mundial de México, xunto cos ingleses Winterbottom e Greenwood e o alemán Cramer.
En 1974 publicou en Piacenza o volume Calcio: quo vadis, un ensaio no que expuxo a evolución técnica e táctica do fútbol dende as súas orixes ata 1970.
Faleceu en Piacenza en 1986 aos 68 anos.
Recoñecementos Na súa cidade natal recibiu o seu nome un campo de fútbol, no que xogan os seus partidos os equipos US Turris, ASD Primogenita e Nuova Spes.
Palmarés como futbolista Inter de Milán Serie A (1): 1937/38. Copa Italia (1): 1938/39.
Venezia Copa Italia (1): 1940/41.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do adestrador en worldfootball.net . Datos de Puppo no sitio web do Comité Olímpico Internacional . Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Piacenza Categoría:Nados en 1918 Categoría:Finados en 1986 Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FBC Unione Venezia Categoría:Xogadores do Piacenza Calcio Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Adestradores de fútbol de Italia Categoría:Adestradores do FC Barcelona Categoría:Adestradores do Beşiktaş JK Categoría:Adestradores do Juventus FC Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Turquía Categoría:Adestradores do Mundial de Fútbol de 1954