Jesús Valdés Álvarez, máis coñecido como Tito Valdés, nado en Santiago de Compostela o 10 de outubro de 1949, é un exfutbolista galego, que xogaba como centrocampista. Integrante histórico do Burgos CF, é o xogador que máis veces vestiu a súa camiseta e foi o seu último capitán antes da desaparición do club.
Comezou a súa carreira no Compostela, pasando logo ao Ourense, co que logrou o ascenso a Segunda División na tempada 1972/73. En 1974 fichou polo Burgos, no que militou durante 9 tempadas ata a desaparición do club en 1983, disputando 321 encontros oficiais e marcando 62 goles, 21 deles na Primeira División, na que militou catro anos. Retirouse xogando co sucesor do Burgos CF, o Real Burgos, na Terceira División.
Traxectoria Formouse na canteira da SD Compostela, subindo ao primeiro equipo en 1968. Disputou ese ano a Copa Galicia, competición na que o equipo foi eliminado polo Rápido de Bouzas. Para a tempada 1968/69 foi cedido ao Bergantiños, co que competiu na Serie A galega e gañou a Copa Galicia, derrotando na final ao Turista.
De regreso ao Compostela xogou na Terceira División, descendendo ao remate da tempada 1969/70 e recuperando a categoría na seguinte, ao proclamarse campión da Serie A. En 1972 fichou polo Ourense, tamén de Terceira, co que logrou o ascenso á Segunda División na súa primeira tempada. Disputou case todos os encontros da tempada 1973/74 na categoría de prata, tendo como compañeiro habitual no centro do campo a Antonio Ordax, e marcou dous goles.
En xullo de 1974, trala marcha ao Burgos do adestrador do Ourense, o coruñés Naya, o xogador foi traspasado ao club burgalés. Debutou co seu novo club na primeira xornada da tempada 1974/75 da Segunda División contra o Valladolid e foi titular durante case todos os partidos da campaña, marcando un total de 8 goles. Na seguinte tempada o Burgos proclamouse campión, ascendendo así á Primeira División por segunda vez na súa historia. Valdés contribuíu con 9 goles, incluído un triplete contra o Castellón, e anotou 3 máis na Copa do Xeneralísimo.
Na tempada 1976/77 debutou na máxima categoría do fútbol español, e fíxoo marcando un gol na primeira xornada contra o Espanyol no Plantío. Con Marcel Domingo como adestrador, o Burgos logrou a permanencia por primeira vez na súa historia. Valdés disputou 30 dos 34 encontros de liga, e marcou 8 goles, aos que sumou outros 3 na Copa do Rei. O equipo mantívose durante catro tempadas na máxima categoría, disputando Valdés 114 encontros e converténdose no máximo goleador do club en Primeira, con 21 goles. Tralo descenso na tempada 1979/80, continuou tres tempadas máis no club, actuando como capitán e acadando os 321 partidos oficiais, cifra récord na historia do club. O Burgos CF desapareceu en 1983, e Valdés renunciou a mellores ofertas para xogar no novo Real Burgos, co que marcou outros 9 goles na Terceira División antes de retirarse en 1984.
Vida persoal É pai do xogador de squash e preparador físico Roberto Valdés, que traballou durante anos co adestrador Luisito en equipos como o Racing de Ferrol, o Ourense ou o Pontevedra. É ademais sogro do exfutbolista e adestrador Gelucho.
Palmarés Bergantiños Copa Galicia (1): 1969.
Compostela Serie A (1): 1970/71.
Ourense Terceira División (1): 1972/73.
Burgos Segunda División (1): 1975/76.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1949 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Burgos CF Categoría:Xogadores do Real Burgos