Jacobo Montes Couñago, nado en Redondela o 20 de abril de 1977, é un adestrador de fútbol galego.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol dende neno no Choco da súa vila natal, e xogou co primeiro equipo, chegando a coincidir co seu irmán Marcos. Pechou a súa carreira como futbolista no Arcade, onde tivo como adestrador a seu irmán.

Comezou a súa carreira como adestrador no Arcade, ao que dirixiu dous anos en Primeira Autonómica, antes de converterse no 2011 no adestrador do Choco en Preferente. Adestrou durante catro anos o club de Redondela, conseguindo o ascenso á Terceira División na tempada 2012/13, e levando o equipo a disputar a primeira fase de ascenso a Segunda B da súa historia na campaña 2014/15. Deixou o equipo en xuño de 2015, sendo substituído polo seu irmán Marcos.

Na tempada 2015/16 adestrou o Alondras, tamén en Terceira, mentres que na seguinte tempada os malos resultados fixeron que deixase o club en novembro. Posteriormente traballou no Coruxo como segundo adestrador, collendo as rendas do equipo en maio de 2018, trala destitución de Rafa Sáez. Conseguiu manter o equipo na Segunda B, superando na fase de permanencia ao Mérida. Na seguinte tempada acadou o 10º posto. Durante esta época comezou a traballar con el seu irmán Marcos, como segundo adestrador.

Na tempada 2019/20 dirixiu o Celta de Vigo B na Segunda B, pasando na seguinte ao Guijuelo, da mesma categoría. Foi destituído do club salmantino en febreiro de 2021, e en decembro regresou ao Coruxo, na Segunda División RFEF, tralo cesamento de Gonza. A súa volta deulle folgos a un Coruxo que se clasificou para o play-off de ascenso a Primeira División RFEF tras acadar a cuarta praza, se ben foi o equipo foi superado polo Peña Deportiva de Manolo González, nun partido cunha expulsión rigurosa de Youssef Al Watani no minuto 88 e dous goles da Peña Deportiva na prórroga. Jacobo volveu dirixir o Coruxo, máis os resultados acadados foron ben dispares, e foi destituído tras unha derrota por 2-1 no Vao co filial do Racing de Santander na xornada 23, co equipo en postos de play-off de permanencia con 29 puntos (7 vitorias, 8 empates e 8 derrotas).

En xuño de 2023 os irmáns Montes regresaron ás categorías inferiores do Celta de Vigo para adestrar o equipo Cadete A.

Palmarés Choco

Copa Deputación de Pontevedra (1): 2015.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol . Datos do adestrador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en Redondela Categoría:Nados en 1977 Categoría:Futbolistas de Redondela Categoría:Xogadores do CD Choco Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do CD Choco Categoría:Adestradores do Alondras CF Categoría:Adestradores do Coruxo FC Categoría:Adestradores do Celta de Vigo B Categoría:Adestradores do CD Guijuelo