Carol Diahann Johnson, nada no Bronx, Nova York, o 17 de xullo de 1935 e finada nos Ánxeles, California, o 4 de outubro de 2019, foi unha actriz, modelo e cantante estadounidense coñecida como Diahann Carroll, gañadora dun premio Tony e un Globo de Ouro, e candidata ao premio Óscar.
Traxectoria Grazas ao apoio dos seus pais, dende nova comezou a súa formación como cantante, bailarina e modelo. Con quince anos posou para a revista Ebony. Estudou a carreira de socioloxía na Universidade de Nova York. Irrompeu no mundo do espectáculo en 1954 con apenas dezaoito anos, ao gañar o concurso televisivo Chance of a Lifetime. Posteriormente comezou a actuar en locais de Nova York.
Apareceu como actriz en filmes musicais como Carmen Jones (1954) e Porgy and Bess (1959), ambos dirixidos por Otto Preminger, e en Paris Blues (1961) xunto con Sidney Poitier, Paul Newman e Joanne Woodward. En 1974 foi candidata ao Óscar por Claudine, filme que coprotagonizou con James Earl Jones. Paralelamente, traballou na televisión e en musicais de Broadway, sendo a primeira muller afroamericana que gañou un Tony, polo seu traballo en No Strings.
Tamén protagonizou a serie de televisión Julia, pioneira na súa época ao amosar personaxes de raza negra non estereotipados en papeis protagonistas. Por este traballo gañou un Globo de Ouro e foi candidata ao Emmy.
Tras uns anos de relativa inactividade, recobrou unha popularidade enorme en 1984 co papel de Dominique Deveraux, na telenovela de grande éxito Dynasty, en que interpretou unha rival de Alexis Carrington (Joan Collins). Paralelamente, interveu en The Colbys realizando o mesmo papel. Foi coñecida ademais polo seu papel na serie televisiva White Collar e polas súas aparicións en Grey's Anatomy.
Carroll foi diagnosticada con cancro de mama en 1997. Ela dixo que o diagnóstico a "sorprendera" porque non había antecedentes familiares de cancro de mama e sempre seguira un estilo de vida saudable. Someteuse a nove semanas de radioterapia, e dende entón estivera libre de cancro. Con frecuencia falou da necesidade de detección temperá e da prevención da doenza. Finalmente faleceu nos Ánxeles o 4 de outubro de 2019.
Vida persoal Carroll casou en catro ocasións. A primeira foi en 1956 co produtor musical Monte Kay con quen tivo unha filla, Suzanne Kay Bamford, en 1960. O matrimonio rematou en 1962.
En 1959 comezou unha relación de nove anos con Sidney Poitier e entre 1970 e 1973 foi parella do presentador de televisión británico David Frost. En 1973, Carroll sorprendeu os medios ao casar con Fred Glusman, mais semanas despois presentou unha demanda de divorcio, acusando a Glusman de abuso físico. En 1975 casou con Robert DeLeon. Enviuvou dous anos despois cando DeLeon faleceu nun accidente de tráfico. O seu cuarto e derradeiro matrimonio foi co cantante Vic Damone en 1987. A unión, que Carroll describiu como turbulenta, rematou cunha separación legal en 1991, unha reconciliación e un divorcio en 1996.
Filmografía Ano Título Personaxe Nota 1954 Carmen Jones Myrt 1959 Porgy and Bess Clara 1961 Goodbye Again Night Club Singer Paris Blues Connie Lampson 1967 Hurry Sundown Vivian Turlow 1968 The Split Ellen "Ellie" Kennedy 1974 Claudine Claudine 1990 Mo' Better Blues Jazz Club Singer Sen acreditar 1991 The Five Heartbeats Eleanor Potter 1992 Color Adjustment Ela mesma 1997 Eve's Bayou Elzora 2007 RiffTrax: The Star Wars Holiday Special Mermeia 2013 Tyler Perry Presents Peeples Nana Peeples 2016 The Masked Saint Ms. Edna (derradeiro papel nun filme)
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Vídeo biográfico
Categoría:Nados no Bronx Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2019 Categoría:Actores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de teatro dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de televisión dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de Nova York Categoría:Activistas dos Estados Unidos de América Categoría:Finados por cancro Categoría:Alumnos da Universidade de Nova York