O imposible de desatar é unha novela en lingua galega escrita por Iván García Campos e publicada por Editorial Galaxia en 2010. Nese mesmo ano gañou a XXVIII edición do Premio Blanco Amor de novela, outorgado nesa ocasión polo concello de Poio.
Trama O imposible de desatar conta a historia dunha familia, formada por unhas personaxes complexas, mais de proceder simple, que viven xuntas nunha soidade que non saben compartir, ficando á beira da despersonalización e da automatización. A casa, e mesmo o silencio, a radio ou a televisión, no remate, son tan protagonistas coma os propios habitantes. A novela acontece xusto aos inicios da crise de 2008, cando só afectaba ao sistema financeiro estadounidense e aínda non provocara os diferentes derrumbes bursátiles a escala internacional que viñeron xusto despois. Na trama xógase con esa tensión entre o local e o global e tamén incide noutros temas esenciais como o binomio comunicación/incomunicación, a construción da identidade, a situación do mundo laboral ou o tránsito da familia tradicional aos novos tipos de familia.
Narración A novela móvese nas marxes da narratividade, dun relato que vai do marabilloso cotián á pura traxedia. Á vez realista e alegórica. Os cambios de narrador (unhas veces omnisciente, outras con monólogos interiores dos personaxes co seu discurso en estilo indirecto libre, outras cunha obxectividade propia dunha cámara cinematográfica), de perspectiva e mesmo a estrutura do relato merecen tanta atención como os aspectos temáticos. O rexistro lingüístico é aséptico e case nu de calquera enfeite estilístico. Con frases concisas e repetitivas, aínda que por veces o texto ilumínase con pequenas doses de retranca e finísimo humor e mesmo certos elementos paratextuais.
Traducións En 2015 a novela publicouse en castelán, na editorial Mar Maior, traducida por Carmen Torres París e María Dolores Torres París.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Ficha do libro na páxina web de Editorial Galaxia.
Categoría:Editorial Galaxia Categoría:Obras literarias de 2010 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras gañadoras do Premio Blanco Amor