Angel Joaquín Concheiro Nine, nado en Ordes o 16 de novembro de 1951, é un científico galego autor de diversos artigos de relevancia internacional no eido dos sistemas de administración de fármacos e a medicina rexenerativa.

Traxectoria Estudou o bacharelato no Colexio Peleteiro cando se chamaba Minerva. Licenciouse e fixo o doutoramento en Química e Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Farmacéutico especialista en Farmacia Industrial e Galénica, e en Análise e Control de Medicamentos e Drogas.

Entre os anos 1983 e 1988 foi profesor titular e desde 1988 Catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela. ao mesmo tempo, foi secretario da Facultade de Farmacia dende abril do 1984 ata abril do 1986 e vicedecano da Facultade de Farmacia dende abril do 1986 ata maio do 1989. Tamén foi director do Instituto Universitario de Farmacia Industrial da USC do 1997 ó 2004. Foi director do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, dende outubro do 2004 ata outubro do 2012, e do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, do 19 de decembro de 2018 até o 19 de febreiro do 2019.

Estivo na vicepresidencia do Comité de Avaliación de Medicamentos (CODEM-VET) dende o ano 2005 ata o 2012, ano no que acadou a Presidencia da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS).

Asemade, foi Socio Fundador e Presidente da Sociedad Española de Farmacia Industrial y Galénica (SEFIG) do 1999 ó 2004. Posteriormente ingresou na Real Academia de Farmacia de Galicia da cal é Académico Numerario. Dende o ano 2020, pasa a ser Director-Comisario do Instituto de Materiais da USC (iMATUS).

Campo de traballo A súa investigación céntrase no deseño e avaliación de sistemas de administración de fármacos para cesión controlada, vectorizada e en resposta a estímulos, os tramados poliméricos e hidroxeles intelixentes e imprinted, os sistemas biomiméticos, a modificación superficial de produtos sanitarios para carga e cesión de fármacos (produtos de combinación) ó prever a formación de biofilm microbiano, e a preparación de andamiaxes poliméricas para medicina rexenerativa.

Con máis de 330 publicacións e un gran número de citas, en decembro de 2022, acadou o posto 11 no h-index e Farmacoloxía e Farmacia en España. Amais, forma parte do 2% dos científicos máis citados e influentes do mundo segundo a base de datos elaborada pola Universidade Stanford, SciTech Strategies e Elsevier.

Premios e recoñecementos Foi galardoado co premio PSWC Research Achievement Award 2010 da International Pharmaceutical Federation (FIP) e a American Association of Pharmaceutical Scientists (AAPS) “in recognition of his significant contribution to the advancement of pharmaceutical sciences during the course of a most distinguished career” ("en recoñecemento á súa importante contribución ao avance das ciencias farmacéuticas ao longo dunha carreira moi distinguida"), e co premio BIOGA (2ª edición, ano 2015) á Mellor Idea Empresarial por Lentimed Medical Devices S.L.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Real Academia de Farmacia de Galicia

Ligazóns externas Ficha na USC Ficha en Reseach.com

Categoría:Farmacéuticos de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Ordes Categoría:Nados en 1951 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes