Hermann David Weber, nado en Holzkirchen o 30 de decembro de 1823 e finado en Londres o 11 de novembro de 1918, foi un médico e numismático xermano-británico, que lle dá nome á "síndrome de Weber"."Weber, Hermann David". Deutsche Biographie.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Hermann Weber naceu na pequena poboación de Holzkirchen, ao norte de Baviera, o 30 de decembro de 1923. A súa nai, apelidada Ruperti, era de ascendencia italiana e o seu pai, procedente de Bielefeld, era o administrador dunha propiedade con granxa en Holzkirchen onde Hermann se criou nos seus primeiros anos en contacto coa natureza.Forrer, L. S. (1922). Páxina XI."Sir Herman David Weber ". Whonamedit? A Dictionary of medical eponyms."Sir Hermann Weber (1823-1918)". Encyclopaedia Britannica, 1911.

Cursou o seu ensino primario nunha escola privada de Würzburg e en 1838 comezou a súa educación secundaria no gymnasium de Fulda. En 1844 comezou a carreira de Medicina na Universidade de Marburgo e continuouna na Universidade de Bonn, onde se graduou en 1848.

Medicina esquerda|miniatura|260x260px|O Hospital Alemán de Londres (1864).

Na súa etapa como estudante en Bonn tomou contacto con membros da ampla colonia británica nesa cidade, entre eles o cirurxián escocés James Simpson, introdutor do cloroformo como analxésico en 1847.

Estes contactos favorecéronlle o acceso en 1851 a un posto en Inglaterra como médico residente no Hospital Alemán de Londres. Finalizado este contrato, practicou durante un tempo a medicina privada en Londres e descartou o seu regreso a Alemaña.

Xa nacionalizado británico e casado cunha muller inglesa (Matilda Grüning) en 1854 comezou un período de formación no Guy's Hospital co propósito de acceder á cualificación profesional inglesa e un ano máis tarde ingresou no Real Colexio Médico de Inglaterra.

Weber foi un defensor das virtudes do exercicio físico e da importancia dos factores climatolóxicos nas doenzas, en particular da tuberculose, e foi un pioneiro no tratamento desta doenza ao aire libre. Recomendaba aos seus pacientes pasar tempadas en zonas de montaña e está considerado como o fundador da climatoterapia. En recoñecemento destes progresos foi nomeado cabaleiro pola raíña Vitoria en 1899.Forrer, L. S. (1922). Páxina XIII. Ese mesmo ano foi designado por Eduardo, daquela Príncipe de Gales, como delegado británico no congreso de Berlín sobre a prevención da tuberculose.Forrer, L. S. (1922). Páxina XII.

miniatura|260x260px|Hermann David Weberpor Hubert von Herkomer (1902)

A Hermann Weber débeselle a descrición, en 1863, da coñecida como síndrome de Weber, unha síndrome alterna do tronco cerebral asociada a unha parálise oculomotora dun lado e unha hemiplexía do lado oposto.Weber, H. D. (1863). "A contribution to the pathology of the crura cerebri". En Medico-Chirurgical Transactions. 46. Londres. Páxinas 121-139."Weber's paralysis ". Whonamedit? A Dictionary of medical eponyms.

Numismática Paralelamente á súa carreira como médico, Weber foi un gran coleccionista de moedas. Comezou a súa colección a finais da década de 1870, con particular interese pola moeda da Antiga Roma e, sinaladamente, pola da Antiga Grecia, e enriqueceuse con constantes viaxes a lugares como Grecia, Asia Menor, Sicilia, Tunisia, Exipto, Turquía e Palestina.Hill, G. F. (1918). "Sir (Dr) Hermann Weber". The British Museum. Eminentes numismáticos europeos do momento, como W. H. Waddington, F. Imhoof-Blumer, J. P. Six ou B. V. Head, figuraban entre os seus máis próximos amigos e conselleiros.

En 1883 ingresou na Royal Numismatic Society, de Londres, e entre 1889 e 1906 formou parte do seu consello de dirección, en cinco ocasións como vicepresidente. Esta entidade premiouno coa súa medalla de ouro en 1905. Na súa revista, Numismatic Chronicle, foi onde Weber publicou os seus artigos sobre numismática.

A "colección Weber" Inicialmente, a colección conformada por Hermann Weber estaba constituída por moedas anglosaxoas, británicas, romanas e gregas. A parte da colección relativa a Gran Bretaña foi vendida en poxa pública en xuño de 1885 e a correspondente á moeda romana en xuño de 1893.Forrer, L. S. (1922). Páxina XIV.

miniatura|260x260px|Uncia de bronce da Campania (ca. 216-211 a. C.), catalogada por Forrer co número 295 da "colección Weber".Forrer, L. S. (1922). Páxina 63 (Nº 295).

A colección de moeda grega de Hermann Weber estaba entre as máis importantes nas mans dun particular, con algunhas pezas únicas ou de singular rareza. Logo da súa morte, foi adquirida íntegra aos seus herdeiros pola compañía de poxas numismáticas Spink & Son Limited para a súa venda posterior por lotes. Leonard S. Forrer levou a cabo a catalogación completa da colección, que foi publicada entre 1922 e 1929:

Forrer, L. S. (1922-1929). The Weber Collection. Spink & Son, Londres. (1922). Volume I: Greek coins: Auriol Find Class, Hispania, Gallia, Britannia, Italy and Scicily. (1924). Volume II. Greek coins: Macedon, Thrace, Thessaly, North Western, Central and Southern Greece. (1925). Volume III: Greek coins: Asia, Africa and incerta. Plates. (1926). Volume III. Part I: Greek coins: Asia [...]. (1929). Volume III. Part II. Greek coins: Asia [...]. Africa [...].

Vida familiar Hermann Weber tivo dous fillos: un deles, Frederik Parkes Weber, foi tamén médico e numismático; o outro, o menor, foi tenente coronel das Forzas Armadas británicas.

Xubilouse como médico de hospital en 1890 mais continuou coa práctica médica ata os 80 anos en diversas institucións, entre elas a Embaixada de Alemaña en Londres. Aínda así, mantivo a súa colaboración con diversas publicacións médicas ata o momento do seu falecemento na súa casa de Londres, con 94 anos, na mañá do 11 de novembro de 1918.Forrer, L. S. (1922). Páxinas XII-XIII.

Recoñecementos

(1905): Medalla da Royal Numismatic Society, de Londres."The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.

Publicacións Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis significativas dos publicados por Weber ao longo da súa carreira:"Weber, Hermann 1823-1918". WorldCat Identities."Weber, Hermann 1823-1918 ". Digital Library Numis.

Medicina

(1867). On the Influence of the Alpine Climates on Pulmonary Consumption. Richards, Londres. (1875). On the curative effects of baths and waters. Being a handbook to the spas of Europe (con J. Braun e L. Rohden). Smith, Elder & Co., Londres. (1885). Croonian Lectures on the Hygienic and Climatic Treatment of chronic pulmonary Phthisis. Smith, Elder & Co., Londres. (1896). The Spas and Mineral Waters of Europe (con F. Parkes Weber). Smith, Elder & Co., Londres. (1898). The Mineral Waters and Health Resorts of Europe (con F. Parkes Weber). Smith, Elder & Co., Londres. (1907). Climotherapy and Balneotherapy (con F. Parkes Weber). Smith, Elder & Co., Londres. (1908). On means for the Prolongation of Life. John Bale, sons & Danielsson, Londres.

Numismática Os seus artigos sobre numismática foron publicados na revista Numismatic Chronicle, da Royal Numismatic Society:

(1892). "On some unpublished or rare Greek coins. I". En Numismatic Chronicle. Vol. 12. (1896). "On some unpublished or rare Greek coins. II". En Numismatic Chronicle. Vol. 16. (1898). "Coins of Mende". En Numismatic Chronicle. Vol. 18. (1898). "A small find of coins of Mende, &c.". En Numismatic Chronicle. Vol 18. (1899). "On finds of archaic Greek coins in Lower Egypt". En Numismatic Chronicle. Vol 19.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Forrer, L. S. (1922). "Introduction" En The Weber Collection. Volume I. Spink & Son, Londres. Páxinas XI-XVI. Hill, G. F. (1918). "Sir Hermann Webber". En The Numismatic Chronicle. 4ª serie. Vol. 18. Páxina 270. Weber, F. P. (ed.) (1919). "Autobiographical reminiscences of Sir Hermann Weber written privately for the family : with annotations and a list of his medical writings". J. Bale, sons & Danielsson, Londres.

Categoría:Nados en 1823 Categoría:Finados en 1918 Categoría:Nados en Baviera Categoría:Numismáticos de Alemaña Categoría:Numismáticos do Reino Unido Categoría:Médicos de Alemaña Categoría:Médicos do Reino Unido Categoría:Neurólogos de Alemaña Categoría:Neurólogos do Reino Unido Categoría:Galardoados coa medalla da Royal Numismatic Society Categoría:Alumnos da Universidade de Marburgo Categoría:Alumnos da Universidade de Bonn