Ghada Shouaa (en ), nada en Mhardeh o 10 de setembro de 1972, é unha ex-heptatleta siria. Nos Xogos Olímpicos de 1996 pasou á historia como a primeira e única deportista siria en gañar unha medalla de ouro olímpica.
Traxectoria Nacida na pequena cidade siria de Mahardah na gobernación de Hama, o primeiro deporte que practicou foi o baloncesto. Xogou varios anos na selección siria, pero despois decidiu competir en atletismo. Fixo o seu primeiro héptatlon en 1991, e rapidamente conseguiu a clasificación para o Campionato do Mundo de 1991 en Tokyo, onde quedou en última posición. Concluíu a súa primeira tempada de atletismo cunha medalla de prata nos campionatos asiáticos.
Ao ano seguinte participou por primeira vez nuns Xogos Olímpicos, en Barcelona, onde competiu lesionada e finalizou na 25ª posición. A súa explosión non chegou até 1995, cando gañou o importante meeting de Götzis, cunha marca de 6715 puntos. Isto colocouna como unha das favoritas no Mundial de 1995, celebrado en Gotemburgo. Despois de que a outra favorita, Sabine Braun, caese lesionada, Shouaa gañou o título cunha marxe cómoda.
A tempada seguinte gañou de novo o meeting de Götzis, establecendo, con 6942 puntos, un récord asiático que aínda non foi superado. Nos Xogos Olímpicos de Atlanta, tres meses despois, confirmou a súa condición de mellor heptatleta do momento, gañando a primeira e única medalla de ouro olímpica da historia de Siria. Ao seu regreso a Siria foi recibida en Damasco por máis de 100.000 persoas.
Unha grave lesión arruinou a súa seguinte tempada, e non puido repoñerse totalemente ata 1999, cando quedou terceira no Campionato do Mundo por detrás de Eunice Barber. Shouaa intentou defender o seu título olímpico en Sydney 2000, pero volveuse lesionar e nin sequera rematou a primeira proba. Despois desta decepción, decidiu retirarse do atletismo.
Durante unha visita a Siria en 2013 ou 2014 en plena guerra civil, Shouaa apareceu nunha imaxe cunha metralleta pesada mentres acompañaba ás Forzas de Defensa Nacional, unha rama das Forzas Armadas Sirias, e deu o seu apoio ao Exército Árabe Sirio.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ghada Shouaa no sitio web oficial da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo . Ghada Shouaa no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional .
Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados en Siria Categoría:Personalidades do cristianismo de Siria Categoría:Atletas olímpicos de Siria Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1992 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 2000 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Siria