Rafael Prado Fraguas, nado en Ourense o 2 de xaneiro de 1957 e finado en Madrid o 3 de xullo de 2016, foi un futbolista galego que xogaba de defensa. A súa carreira desenvolveuna principalmente no Atlético de Madrid, pero estivo marcada por unha grave lesión sufrida en 1976.

Traxectoria Nado en Ourense, comezou a xogar ao fútbol no Atlético Juventud do barrio da Lonia. Con varios equipos interesados nel, Fernando Bouso levouno a Madrid para probar no Atlético de Madrid, e alí ingresou na canteira do club vermello e branco. O 6 de abril de 1974, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Primeira División da man do adestrador Luis Aragonés, que tivo que recorrer a el nun partido contra o Murcia por mor das baixas por lesión de Eusebio Bejarano e Domingo Benegas e por sanción de Ramón Heredia e Rubén Osvaldo Díaz.

Durante os seguintes tres anos gañou co equipo madrileño unha Copa Intercontinental, unha Copa do Rei e unha liga, e debutou na Recopa de Europa, pero a súa carreira viuse truncada o 8 de febreiro de 1976, pouco despois de cumprir 19 anos, cando nun partido contra a UD Salamanca, un choque con Santiago Bartolomé Rial rompeulle a tibia e o peroné. Reapareceu dous anos e unha semana despois, nun partido da Copa do Rei contra a UD Las Palmas. Con todo, só 11 días despois da súa reaparición volveu sufrir unha grave lesión nun partido de liga contra o Cádiz, precisando 22 puntos de sutura. Non volveu xogar esa tempada, mentres que na seguinte pasou ao filial, co que disputou 22 encontros na Segunda B. Nas campañas 1979/80 e 1980/81 xogou sete partidos co primeiro equipo.

No verán de 1981, o club decidiu non seguir contando cos seus servizos, polo que Fraguas regresou a Galicia, onde estivo a proba polo Celta de Vigo de Pavić, co que xogou 65 minutos nun partido amigable contra o Porriño, sen chegar a fichar finalmente. Volveu entón a Madrid, onde xogou co Torrejón na Segunda B. En 1982 volveu á súa cidade natal e fichou polo Ourense, co que xogou durante dúas tempadas na Terceira División. Na campaña 1985/86 xogou no Daimiel, da mesma categoría.

Faleceu o 3 de xullo de 2016, aos 59 anos.

Palmarés Atlético de Madrid

Liga española (1): 1976/77. Copa do Xeneralísimo (1): 1975/76. Copa Intercontinental (1): 1974.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en footballdatabase.eu .

Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1957 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Daimiel CF