dereita|miniatura|O Tribunal de Arbitraxe Internacional de Londres (Fleet Street, 70, Londres) O Tribunal de Arbitraxe Internacional de Londres (, LCIA) é unha institución con sede en Londres, Reino Unido, que proporciona servizos de arbitraxe internacional.
A sede da administración central do LCIA está en Londres. O LCIA é unha institución internacional que proporciona un foro para procedementos de resolución de conflitos para todas as partes, sen importar a súa localización ou sistema legal. A pesar de que a arbitraxe e os tribunais de arbitraxe formais provisionais son a súa principal actividade, o LCIA tamén realiza mediacións, unha forma alternativa de resolución de conflitos (MARC).
Historia O 5 de abril de 1883 o Tribunal do Consello Comunal da Cidade de Londres organizou un comité para elaborar propostas para o establecemento dun tribunal para a arbitraxe de disputas comerciais nacionais e, en particular, internacionais que tiñan lugar no ámbito da City.
A Law Quaterly Review escribiu na inauguración do tribunal: "Esta Sala terá todas as virtudes das que a lei carece. Será expeditiva cando a lei é lenta, barata onde a lei é onerosa, sinxela onde a lei é técnica, conciliadora en troques de axitadora."
En 1884, o comité entregou o seu plan para un tribunal que estaría administrado pola Corporación da Cidade de Londres coa colaboración da Cámara de Comercio e Industria de Londres. A pesar de que o plan xurdira dunha necesidade real e urxente tivo que quedar en suspenso ata a aprobación da Lei Inglesa de Arbitraxe en 1889.
En abril de 1891, o proxecto foi finalmente adoptado e o novo tribunal foi nomeado Cámara de Arbitraxe da Cidade de Londres. Estaba situada no Guildhall, na City, baixo o mando administrativo dun comité de arbitraxe formado por membros da Cámara de Londres e da Corporación da Cidade.
A Cámara foi formalmente inaugurada o 23 de novembro de 1892, en presenza de abundante e distinguido público, entre o que se atopaba o Presidente da Xunta de Comercio. O interese era considerábel na prensa e en círculos legais e mercantís.
En abril de 1903, o tribunal foi rebautizado como Tribunal de Arbitraxe de Londres e, dous anos máis tarde, o Tribunal mudouse do Guildhall ás oficinas próximas da Cámara de Comercio de Londres. A estrutura administrativa do Tribunal permanecería sen grandes cambios durante os seguintes setenta anos.
En 1975, o Instituto de Árbitros (máis tarde Instituto Colexiado) xuntouse aos outros dous corpos administrativos e o anterior comité de arbitraxe deveu no Comité de Xestión Conxunta, reducindo o tamaño dos vinte e catro membros orixinais a dezaoito; seis representantes para cada unha das tres organizacións. O Director do Instituto de Árbitros pasou a ser o Secretario do Tribunal de Arbitraxe de Londres.
En 1981 o nome do Tribunal mudou a Tribunal de Arbitraxe Internacional de Londres, para reflectir a natureza do seu traballo, que era naquela altura maioritariamente internacional.
Operacións actuais e administración O LCIA segue a ser unha das maiores institucións permanentes de arbitraxe internacional a día de hoxe. Dita as súas propias regras e procedementos, que con frecuencia son adoptados en arbitraxes ad hoc nas que o LCIA non está implicado.
O LCIA funciona como unha sociedade limitada por garantía sen ánimo de lucro. O consello de administración (formado en gran parte por prominentes profesionais da arbitraxe de Londres) ocúpase do funcionamento e desenvolvemento das actividades do LCIA e de que estas cumpran coas lexislación de sociedades aplicábel.
O consello de administración non ten un papel activo nos procedementos de resolución de conflitos, aínda que se preocupa do funcionamento administrativo do LCIA.
A Corte do LCIA é a autoridade final para a aplicación axeitada do Regulamento do LCIA. As súas funcións principais son designar tribunais, resolver recusacións de árbitros e controlar os custos.
A pesar de que a Corte do LCIA reúnese regularmente en sesión plenaria, a maioría das funcións que debería realizar segundo as regras e procedementos do LCIA son levadas a cabo, no seu lugar, polo Presidente, por un Vicepresidente ou por un Comité do Tribunal.
A Corte está formada por até trinta e cinco membros, seleccionados para proporcionar e manter un equilibrio de destacados profesionais en arbitraxe comercial, das principais áreas comerciais do mundo e dos que non máis de seis poden ser de nacionalidade británica.
Secretariado Encabezado polo Secretario, o Secretariado do LCIA ten a súa sede no Centro Internacional de Resolución de Disputas, en Londres, e é o responsable para a administración no día a día de todas as disputas remitidas ao LCIA.
A administración dos casos do LCIA é moi flexíbel. Cada caso ten o seu propio computador, copias físicas dos arquivos e libros contábeis informatizados. Cada caso é monitorizado por computador, pero o nivel de apoio administrativo adáptase ás necesidades e desexos das partes e do tribunal (ou formas alternativas de resolución de conflitos), e ás circunstancias de cada caso.
Debido ás leis de confidencialidade, o LCIA non publica datos ou estatísticas sobre os asuntos que xulga.
Véxase tamén Outros artigos Asociación de Árbitros Marítimos de Londres
Ligazóns externas Web oficial do LCIA Regras do LCIA
Categoría:Tribunais internacionais