Kathleen Kennedy, nada en Berkeley (California) o 5 de xuño de 1953, é unha produtora de cinema estadounidense e presidenta de Lucasfilm. En 1981, fundou a compañía Amblin Entertainment con Steven Spielberg e Frank Marshall.
Traxectoria Primeiros anos Kennedy naceu en Berkeley, California, filla de Dione Marie "Dede" Dousseau, que unha vez foi actriz de teatro, e de Donald R. Kennedy, xuíz e avogado. Kennedy ten dúas irmás; a súa xemelga Connie é produtora executiva da compañía de produción virtual Profile Studios. A súa outra irmá é Dana Middleton-Silberstein, presentadora de televisión e directora de comunicación do ex-gobernador de Washington Gary Locke.
Kennedy graduouse de Shasta Secundaria en Redding, California, en 1971. Continuou os seus estudos na Universidade Estatal de San Diego, onde se especializou en cinema e telecomunicacións. No seu último ano, Kennedy conseguiu traballo nunha estación de televisión local de San Diego, KCST, onde asumiu diferentes papeis, incluíndo operadora de cámara, editora de vídeo, directora de planta e finalmente coordinadora de produción das noticias. Despois do seu emprego en KCST pasou a producir un talk show local titulado You're On durante catro anos antes de mudarse aos Ánxeles, onde tivo o seu primeiro traballo de produción de cinema como axudante de John Milius, nese momento produtor executivo de Steven Spielberg no filme de 1979 1941. Kennedy chamou a atención de Spielberg, que a contratou como secretaria persoal, asumindo cada vez máis protagonismo no proceso de realización dos filmes.
Carreira Kennedy apareceu por primeira vez acreditada nun filme como produtora asociada en Raiders of the Lost Ark (1981). Posteriormente asociouse con Spielberg e Frank Marshall para crear Amblin Entertainment, unha recoñecida produtora de Hollywood. Marshall acabou converténdose no seu marido e continuou a traballar con el. Con Marshall fundou outra empresa, The Kennedy/Marshall Company que chegou a un acordo con DreamWorks.
En 2012 Kennedy apartouse de Kennedy/Marshall deixando o seu marido só á fronte e entrou en Lucasfilm, sendo copresidenta con George Lucas. O mesmo ano, a compañía Disney comprou a empresa por 4000 millóns de dólares e Kennedy converteuse na presidenta de Lucasfilm coa súa matriz en Disney. George Lucas continuou como asesor creativo.
Kathleen Kennedy está implicada directa ou indirectamente na produción de máis de 120 filmes candidatos aos premios Óscar.
Notas
Categoría:Nados en Berkeley Categoría:Nados en 1953 Categoría:Produtores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Empresarios dos Estados Unidos de América