Romano Benito Floriani Mussolini, tamén coñecido polos medios italianos como Mussolini Jr., nado en Roma o 27 de xaneiro de 2003, é un futbolista italiano que xoga como lateral dereito ou centrocampista na Cremonese, da Serie A, cedido pola Lazio. É fillo da política Alessandra Mussolini, neto do pianista Romano Mussolini e bisneto do ditador fascista Benito Mussolini.

Traxectoria Naceu en 2003 en Roma, sendo o terceiro fillo de Mauro Floriani e da eurodeputada de Forza Italia, Alessandra Mussolini. No seu bautismo, debido ao desexo de súa nai de que non se perdese o apelido "Mussolini", recibiu dous apelidos, despois dun acordo coas autoridades civís e a Igrexa católica para esta excepción á costume italiana e ás leis, que permitían só un apelido. Ademais, recibiu como segundo nome "Benito", na honra do seu bisavó, o ditador italiano Benito Mussolini. Foi educado na St. George's British International School de Roma e fíxose coñecido no país ao aparecer con súa nai no programa de televisión Ballando con le Stelle.

Como futbolista Comezou a súa carreira futbolística xogando nos equipos xuvenís da Roma antes de fichar pola Lazio cando tiña 13 anos. En 2018 saíu cedido ao Vigor Perconti. En marzo de 2021 asinou un contrato profesional coa Lazio ata 2024. Na tempada 2023/24 xogou cedido no Pescara e na seguinte saíu a préstamo á Juve Stabia, da Serie B. En decembro de 2024 foi noticia cando marcou o seu primeiro gol como profesional, ante o Cesena. Tralo gol, o speaker do estadio coreou sete veces o seu nome, Romano, ao que parte dos seareiros respondían co berro de "Mussolini", ao tempo que realizaban o saúdo fascista.

En xullo de 2025 foi cedido á Cremonese, da Serie A.

Notas

Categoría:Nados en 2003 Categoría:Nados en Roma Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do SS Lazio Categoría:Xogadores do Delfino Pescara 1936 Categoría:Xogadores do US Cremonese