Caetano Xosé Horta Pombo, nado na Barquiña (Barro, Noia) o 15 de xaneiro de 2003, é un deportista galego. Compite en remo, deporte ao que se dedica despois de que abandonase unha prometedora carreira no motocrós.
Gañou unha medalla de prata no Campionato de Europa de Remo de 2026 e unha de ouro no Campionato de Europa Xuvenil de 2020, ambas na proba de dobre scull.«Caetano Horta se proclama campeón de Europa juvenil». Faro de Vigo, 29 de setembro de 2020. Participou nos Xogos Olímpicos de 2020 e 2024, na proba de dobre scull lixeiro (LM2x).«Balastegui-Horta, dupla española en Tokio en doble scull ligero». Mundo Deportivo, 12 de abril de 2021.
Traxectoria Aos 3 anos comezou a andar en moto e aos 6 a competir en motociclismo, por influencia de seu pai Antón, afeccionado ao motociclismo e que competira anos antes no campionato galego de enduro. Primeiro correu en motociclismo de velocidade, pasando logo ao motocrós. Formou parte do Motoclub Os Saltóns de Noia e competiu no Campionato de Galicia de motocrós e tamén no de supercrós, logrando bos resultados.
En 2011 acabou cuarto na categoría alevín tanto no campionato de motocrós como no de supercrós, mentres que no 2012 foi terceiro en motocrós e subcampión de supercrós. Ao ano seguinte acabou quinto no campionato de motocrós de 65cc, e en 2014 proclamouse campión de 85cc. En 2017 foi subcampión galego de 125 cc. Ademais competiu tamén no Campionato de España.
Paralelamente ao motocicismo, aos 9 anos empezou a practicar tamén remo, dentro do Club do Mar Noia, onde seu tío Benito Horta era adestrador. Inicialmente entrou no remo para fortalecer o seu físico para a moto e compaxinou durante un tempo ambos deportes, pero finalmente tivo que decidir entre un dos dous, decántandose polo remo, a pesar da súa prometedora carreira sobre as dúas rodas. Comezou a gañar competicións en categorías inferiores, tanto autonómicas como nacionais, e en 2017 entrou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
En 2019 disputou en Tokyo o Mundial júnior, logrando unha quinta praza, e ao ano seguinte en Belgrado proclamouse campión de Europa júnior xunto ao sevillano Pablo Moreno, na categoría dobre scull. En 2021 gañou o Campionato de España xuvenil skiff de longa distancia, cunha asoballante diferenza sobre os seus rivais.
En febreiro de 2021, o moañés Rodrigo Conde renunciou á praza que tiña gañada para acudir xunto a Manel Balastegui aos Xogos Olímpicos de Tokyo, na proba de dobre scull lixeiro, polo que Caetano Horta se converteu en aspirante a substituílo. En abril disputou xunto a Balastegui en Varese o Campionato de Europa, sendo a súa primeira competición absoluta, acabando na sétima praza e logrando así o billete olímpico. Xa en Tokyo, rematou a súa quenda na cuarta posición de seis embarcacións, fóra dos dous primeiros postos que daban o acceso directo ás semifinais. Na repesca conseguiu o segundo posto e o pase ás semifinais. Nestas obtivo un quinto posto, quedando así fóra da final, á que só accedían as tres primeiras embarcacións de cada semifinal.
Nos Xogos Olímpicos de 2024 en París, fixo parella co catalán Dennis Carrecedo. Rematou a súa quenda na segunda posición, logrando así o acceso directo ás semifinais. Con todo, non conseguiu meterse na final, ao rematar a súa serie na cuarta posición de seis embarcacións. Accedeu á final B, onde quedou segundo, o que supuxo a oitava posición final e o segundo diploma olímpico da súa carreira.
A comezos de 2026 comezou a remar co moañés Rodrigo Conde e en agosto a parella proclamouse campioa de Europa no certame celebrado en Varese.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020
Categoría:Nados en 2003 Categoría:Nados en Noia Categoría:Pilotos de motocrós de Galicia Categoría:Remeiros de Galicia Categoría:Remeiros olímpicos de Galicia Categoría:Remeiros olímpicos de España Categoría:Remeiros nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Remeiros nos Xogos Olímpicos de 2024 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes