Elisa del Carmen Loncón Antileo, nada o 23 de xaneiro de 1963 na comunidade de Lefweluan de Traiguén, na rexión de Araucanía, é unha lingüista e política mapuche, activista dos dereitos indíxenas. En 2021, Loncón foi elixida como unha das representantes do pobo mapuche para a Convención Constitucional. Logo da creación do órgano constituínte, Loncón foi elixida Presidenta da Convención Constitucional o 4 de xullo de 2021.

Traxectoria Loncón naceu en Lefweluan, unha comunidade mapuche preto de Traiguén, na rexión de Araucanía. Medrou na pobreza, lembrando que a súa familia sufría inseguridade alimentaria a longo prazo. Nunha entrevista do ano 2017, Loncón declarou que o centro cerimonial mapuche local de Lefweluan foi destruído en favor dun vertedoiro e viu como os seus irmáns desenvolvían infeccións cutáneas mentres xogaban no lixo.

Un dos seus bisavós loitou contra a invasión chilena de Araucanía (1861–1883) e foi aliado de José Santos Quilapán. A súa familia participou na recuperación da propiedade da terra antes e durante a reforma agraria chilena (1962–1973). Por mor da súa participación na recuperación da terra, o avó materno de Elisa Loncón, Ricardo Antileo, foi encarcerado pola ditadura militar de Augusto Pinochet.

Loncón estudou inglés na Universidade de La Frontera en Temuco. Ten estudos de posgrao no Instituto Internacional de Estudos Sociais da Haia e na UAM Iztapalapa de Cidade de México. É doutora pola Universidade de Leiden e doutora en literatura pola Pontificia Universidade Católica de Chile.

Loncón é profesora a tempo completo na Universidade de Santiago, centrada na investigación sobre o ensino da lingua mapuche e a súa persistencia no contexto contemporáneo. Escribiu diversos libros e publicacións, principalmente sobre innovación e expansión dos recursos léxicos da lingua mapuche.

Activismo político Formou parte da organización cultural Ad Mapu e do Aukiñ Wallmapu Ngulam (AWNg ou Consello de Todas as Terras). Como parte do AWNg, participou no deseño da bandeira mapuche, a Wenufoye. O traballo de Loncón foi nomeado polas Nacións Unidas nun comunicado de prensa de 2017 que instaba ao goberno chileno a deixar de empregar a lei antiterrorista contra activistas mapuches. Tamén fundou a Rede polos Dereitos Educativos e Lingüísticos dos Pobos Orixinarios de Chile mediante que a inclusión das linguas indíxenas no sistema de ensino de Chile cando se debatía a Lei Xeral de Educación de 2007. Ademais, redactou o proxecto de Lei Xeral de Dereitos Lingüísticos dos Pobos Orixinarios que pretendía oficializar estas linguas.

En 2021, foi candidata á Convención Constitucional chilena, en representación da poboación mapuche das rexións de Coquimbo, Valparaíso, Santiago, O'Higgins e Maule. Durante a campaña ademais da defensa dos dereitos do colectivo mapuche, manifestou a súa vontade de que a futura carta magna recoñece a Chile como un Estado plurinacional. Foi electa, converténdose nun dos membros da Convención. O 4 de xullo de 2021, despois da inauguración da Convención, foi elixida presidenta. Logrou 96 votos na segunda volta, principalmente das coalicións de esquerda e centro esquerda ("Apruebo Dignidad", "La lista del pueblo" e parte da "Lista del Apruebo").

Pouco despois de ser elixida presidenta da Convención Constitucional, Loncón declarou o seu obxectivo de debater os temos de liberación dos chamados presos da revolta e dos presos políticos do conflito mapuche. Logo de seis meses, segundo o regulamento da Convención, o seu exercicio como presidenta chegou á fin, continuando como membro dende o 4 de xaneiro de 2022. Na súa mensaxe de despedida, Loncón apelou ao diálogo e criticou o que considerou escasa vontade de colaboración do goberno de Sebastián Piñera ao inicio das sesións da Convención.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial e

Categoría:Nados en 1963 Categoría:Políticos de Chile Categoría:Alumnos da Universidade de Leiden Categoría:Pobo mapuche Categoría:Lingüistas da lingua mapuche Categoría:Indixenistas de América Categoría:Presidentes da Convención Constitucional de Chile Categoría:Membros da Convención Constitucional de Chile