Manuel Santos León, máis coñecido como Ferrón, nado en Santiago de Compostela o 15 de novembro de 1912, foi un futbolista galego, que xogaba de defensa.

Traxectoria Comezou xogando no CD Español de Santiago, pasando logo ao Compostela, co que competiu na Serie C do Campionato Galego, e co que logrou o ascenso á Serie B na tempada 1929/30. Na seguinte tempada xogou co Español na Serie B e en xullo de 1931 volveu fichar polo Compostela xunto a Portugués.

No verán de 1932 deu o salto ao profesionalismo, fichando xunto a Porto polo Deportivo da Coruña, co que debutou nun derbi amigable contra o Celta de Vigo, en homenaxe ao capitán do Deportivo Fernando Fariña. Debutou na Serie A na terceira xornada, contra o Unión Sporting no Campo de Riazor. Gañou logo a titularidade, conquistando o Campionato de Galicia e disputando 10 partidos de Segunda División, na que marcou un gol contra o Celta de Vigo. Xogou outra tempada máis no club branquiazul, disputando outros dez partidos en Segunda.

En 1934 fichou Lugo Sporting, co que xogou na Serie A e a continuación volveu a Santiago para rematar os seus estudos de Dereito, xogando na cidade compostelá de novo co Español. Despois da guerra civil xogou no Arousa e en xaneiro de 1942 fichou polo Celta de Vigo, despois de que ao equipo vigués se lle lesionasen Varela e Deva. Disputou só un partido oficial co Celta, un derbi contra o Deportivo en Riazor, que rematou con goleada coruñesa por 4 a 0.

No verán de 1942 foi unha das numerosas fichaxes do novo Pontevedra, xunto a O'Donell e Foro entre outros. Logrou co club granate o ascenso á Terceira División e na tempada seguinte volveu a Santiago de Compostela, onde pasou a xogar no Club Santiago, tamén na Terceira División. Permaneceu varias tempadas no equipo santiagués, onde exerceu de capitán. O 1 de xuño de 1947 xogouse na súa honra un partido no antigo campo de Santa Isabel entre o Club Santiago e o Celta de Vigo, que acabou cunha goleada céltica por 9-2, con tripletes de Pahiño e Juanín.

En outubro de 1947 volveu ao Arousa, co que xogou dúas tempadas na Terceira División, as primeiras do club nesa categoría, e logrou ascender a Segunda. Colgou as botas en 1949 e retornou á súa profesión de funcionario de prisións, sendo destinado á Prisión Provincial da Coruña.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1912 Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Lugo Sporting Categoría:Xogadores do Arosa SC Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Club Santiago