miniatura|Sachadores cun xugo de bois As labradas eran un traballo agrario colectivo realizado en Galiza, nos meses de abril e maio, antes da introdución da maquinaria agrícola. A veciñanza traballaba os campos conxuntamente, nun sistema de axuda mutua polo que se ían labrando unha por unha todas as veigas. O costume conservouse até os anos setenta do século XX nas comarcas galegas do Condado e da Paradanta, e documéntase a súa existencia en Boqueixón, na Terra de Montes e na Serra do Suído.
Características esquerda|miniatura|Cantareiras acompañándose cos sachos
Pola configuración minifundista das parcelas galegas, as beiras e cabeceiros das leiras tiñan que ser traballados cos sachos xa que os valados impedían ao arado achegarse o suficiente. Normalmente eran as mulleres as encargadas desta tarefa, e da posterior sementeira, mentres os homes guiaban os bois, mantiñan o arado no rego e mudaban as artes: arado, grade de reixa e grade de liso. O traballo manual facíano dous grupos de persoas que, nun ritual de divertimento argallado coa finalidade de alixeirar o labor, competían por ver quen remataba antes o seu cabeceiro, ou os regos asignados caso de non contar cun arado.
Os vencedores gañaban o dereito a botar a aña. Uns cantos que, na súa versión mais simple, consistían en aturuxos e petos con pedras nos legóns en sinal de vitoria, e nas máis complexas nunha serie de cantigas de desafío ao grupo perdedor marcando nos sachos o ritmo da xota ou da muiñeira. Estas coplas inxuriosas adoitaban facer referencia á aña, en orixe a cría ruín do carneiro, premio aldraxante para o bando derrotado que, por suposto, podía tamén devolver as cantigas.
Outro elemento ritual que se desencadeaba coa vitoria na competencia era o baile da aña. Un ritual no que o cabeceiro gañador enviaba un ramallo de loureiro, ou doutra árbore calquera, aos perdedores espetado no arado ou pola man do home que guiaba os bois, nunha sorte de burla. Entregado o ramo, chamado tamén aña por extensión, espetábase na terra e iniciábase o baile solto ao seu redor acompañado polo ritmo dos legóns. Sendo necesario en ocasións labrar novamente a leira pois o baile estragaba o traballo feito.
Noutra das versións do rito o ramo aparecía na merenda. Contra o serán era tradición que o dono da veiga labrada convidase ao resto dos veciños a merendar. Viñan daquela as viandas en cestos desde a casa familiar nunha procesión ao ritmo dos sachos e as cantareas. Un dos mozos levaba o ramo, adobiado con fitas, roscas, doces, etc, e chegados á veiga bailaba un punto con cada unha das mulleres coa pola na man. Unha vez que todas tiñan botado un punto con el, espetábao na terra para pedir pola colleita, nun evidente ritual de fertilidade.
Rematado o baile tomábase a merenda acompañada de cantos de agradecemento, unha serie de cantares que loaban o "amo", é dicir, o dono da parcela á que lle tocaba a labrada e o encargado de subministrar o banquete.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Aña Baile das labradas Cantos das labradas
Ligazóns externas
Os ciclos do ano en Toutón - TVG (Alalá nº 59 - 2008) Labrada en Queimadelos - ACF O Fiadeiro - Luar (01/2018) - TVG - Youtube. O ritual da i-aña, as labradas e as sachadas - Gillerme Inácio Costa - Lume na Palleira (11/2020) - Radio Galega.
Categoría:Cultura de Galicia Categoría:Etnografía galega Categoría:Tradicións Categoría:Música tradicional galega Categoría:Canto tradicional galego Categoría:Baile tradicional galego