Masako Ohta, nada en Chiyoda, Tokyo, o 24 de marzo de 1947, é unha actriz e cantante xaponesa coñecida como Meiko Kaji (en , Kaji Meiko). Apareceu en preto de cen filmes, sendo os seus papeis máis célebres os de personaxes fóra da lei en filmes de principios da década de 1970, como unha das rebeldes da serie Onna banchō nora-neko rokku ou as asasinas de Shurayuki-hime e Joshū Nana-maru-ichi Gō / Sasori.
Traxectoria Meiko Kaji naceu na área de Kanda, en Tokyo, e formouse no instituto Yakumo en Meguro. Comezou a traballar na industria cinematográfica co seu nome real, Masako Ota, no estudo Nikkatsu en 1965 despois de graduarse no instituto. En 1969 apareceu en Nihon Zankyoden, unha das series de filmes dirixidos por Masahiro Makino, que recoñeceu a súa capacidade interpretativa e lle deu o seu nome artístico de Meiko Kaji. De 1970 a 1971 apareceu na serie de filmes sobre mozos delincuentes Noraneko Rokku.
En 1971, Nikkatsu pasouse ao pinku eiga e, para evitalo, Kaji cambiouse á Toei Company. Alí realizou a serie de filmes Joshū Nana-maru-ichi Gō / Sasori. En 1973 asumiu o papel de Yuki no filme de vinganzas Shurayuki-hime, á que seguiu unha secuela, Shurayukihime - Urami renka. Continuou a súa carreira aparecendo en varios filmes de Kinji Fukasaku, como Yakuza no Hakaba: Kuchinashi no Hana (1976). En 1978, protagonizou Sonezaki Shinjū, polo que recibiu varios premios de interpretación.
Kaji traballou na televisión desde os anos oitenta. En 1989 interpretou a Omasa, unha informante, no drama televisivo Onihei Hankachō (versión de Shochiku–Fuji Television protagonizada polo actor kabuki Nakamura Kichiemon II).
Kaji tamén foi cantante. Interpretou a canción de Shurayuki-hime, "Shura no Hana" (修羅 の 花), e o tema da serie Joshū Nana-maru-ichi Gō, "Urami Bushi" (怨 み 節). Cando estas dúas cancións foron empregadas no filme de Quentin Tarantino, Kill Bill, en 2003, houbo un renacemento do interese pola música de Kaji que a animou a retomar a súa carreira musical. En 2009 lanzou un sinxelo, "Onna wa yametai". En 2011, Kaji lanzou o seu primeiro disco novo en 31 anos, Aitsu no suki-so-na burūsu (あ い つ の 好 き そ な ブ ル ー ス) con cancións escritas por Ryudo Uzaki e Yoko Aki.
Kaji recibiu ofertas para actuar en Hollywood, mais rexeitounas a todas, dicindo que non podía realizar unha boa interpretación nun idioma diferente ao xaponés.
En maio de 2020, Kaji lanzou a súa propia canle en YouTube, como un xeito de celebrar o seu traballo con fans de todo o mundo e como un xeito de devolver todo o apoio que recibiu.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Rikke Schubart: Super Bitches and Action Babes: The Female Hero in Popular Cinema, 1970–2006 (McFarland & Company, USA 2007) Ligazóns externas
Yahoo Japan Profile
Categoría:Nados en Tokyo Categoría:Nados en 1947 Categoría:Actores de cinema do Xapón Categoría:Actores de televisión do Xapón Categoría:Cantantes do Xapón