Tafisa (Tableros y Fibras, S. A.) foi unha fábrica galega de taboleiros de madeira. Tivo factorías en Pontevedra e Valladolid.
Traxectoria Fundouse en 1958 froito dun encontro no Centro Escandinavo de Madrid entre o empresario español José Mª Pena Rich e o técnico sueco Folke Pehrzon, que decidiron comezar a producir taboleiros de piñeiro a partir de restos de poda e entresacas dos piñeirais. Iniciouse así unha actividade que se prolongaría durante máis de 40 anos, até que en 2003 se asinou un convenio para reconverter o complexo da fábrica nunha grande área verde de equipamentos públicos de 90 000 m2 e nunha zona residencial, comercial e hoteleira de 21 500 m2. Entre Tafisa e Ramafosa, a súa rama forestal, chegaron a ter 366 trablladores directos, deles uns 288 na fábrica do Lérez.
A empresa, de capital sueco na súa orixe, encargou o deseño da fábrica a un equipo de enxeñeiros e arquitectos locais. Folke Pehrzon encargouse de dirixir a montaxe e posta a punto da maquinaria. A mentalidade sueca non só se reflectíu na parte técnica senón que abarcaba todo o ámbito sociolaboral da empresa. Seus traballadores beneficiábanse dunhas condicións laborais moi avanzadas para a época: seus soldos podían triplicar o habitual en España naqueles anos, chegando a cobrar até 18 pagas ao ano, e dipoñían ademais dun club social e un economato, pistas de tenis e de balonmán, campo de fútbol, piscina e incluso vivendas financiadas pola propia empresa.
En pouco tempo Pontevedra viuse encaixada entre dúas fábricas, Tafisa ao norte e Ence ao sur, condicionando o seu desenvolmento urbano pola marxe esquerda do río. Foi precisamente a presión urbanística a que propiciou a venda dos terreos da fábrica a un grupo inmobiliario e o traslado de parte da produción a unha planta no veciño concello de Ponte Caldelas no ano 2004, tras vender os terreos urbanos, previa recualificación, ao Grupo Lar para a construción dunha urbanización.
A presión urbanística era moi forte, e tamén a medioambiental, aínda que a fábrica non utilizaba produtos químicos, aínda que os residuos da fibra tapaban o leito do río, pero fixéronse moitas melloras; instalouse unha depuradora e un sistema de reutilización da auga. Finalmente, o grupo portugués Sonae, último propietario da empresa, decidiu o seu peche en 2014, dez anos despois do traslado, a pesar de que houbo un momento en que as accións de Tafisa cotizábanse altísimas e logo caeron en picado. Sonae entrara cunha pequena cantidade, o 5 % do capital, e acabou facéndose, cunha opa, con máis do 99 %, que foi cando tomóu as rendas da fábrica.
José Manuel Moledo, delegado da UXT e presidente do comité de Tafisa, informou que Tableros de Fibras S. A. puña fin á súa actividade en Pontevedra, unha década despois de que a planta deixara a cidade do Lérez para trasladarse á Reigosa, Ponte Caldelas. A propia Tafisa informou que, entre os anos 2010 e 2013, viron diminuír de forma continuada os seus ingresos até un 52 %, o que facía inviábel o mantemento da planta. Cifraron as perdas acumuladas en 9,7 millóns de euros. Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Todas as novas de Tafisa publicadas en El País.
Categoría:Empresas de Galicia Categoría:Empresas forestais