A Casa do Concello de Tampere (en finés Tampereen Raatihuone) é o antigo palacio municipal da cidade de Tampere, en Finlandia. Trátase dun edificio de estilo neorrenacentista deseñado por Georg Schreck e situado no número 10 de Keskustori (Praza Central). A construción do edificio finalizou en 1890. O edificio, construído ao xeito dun palacio, ten varias salas e acolle distintos eventos da cidade.

Historia O edificio actual estivo precedido por outro de madeira e unha única altura construído en 1802 e localizado no mesmo lugar e que tivo as funcións de casa do concello. No ano 1885 comezouse a traballar no deseño dun novo edificio, para o cal se realizou un concurso no que foron presentados os deseños de F.L. Calonius, Theodor Decker e Georg Schreck, resultando gañador este último. As obras comezaron en 1887 e foron supervisadas polo arquitecto municipal Calonius, mentres que o edificio foi pintado en 1889. Finalmente foi inaugurado nunha cerimonia solemne o 8 de xaneiro de 1890.

Durante a Gran Folga de 1905 o poeta Kössi Lindström leu dende o seu balcón o Punainen julistus (en galego Manifesto vermello) de Yrjö Mäkelin.

En 1918, durante a guerra civil finlandesa, o palacio municipal, xunto con outros edificios, foi empregado como refuxio pola poboación durante batalla de Tampere. O edifio foi defendido por un grupo de mulleres e homes da Garda Vermella, que finalmente se renderían ás 5:30 pm do 5 de abril, sendo así o último reduto vermello en ser tomado polos brancos.

O pleno municipal reuniuse no edificio ata mediados da década de 1920, cando as decisións pasaron a tomarse no edificio da biblioteca.

A primeira renovación do edificio tivo lugar a finais da década de 1960. Ameazado de derrubo pola súa antiga estrutura de madeira que fixo que o edificio comezara a afundirse, en 1977 realizouse o fortalecemento da súa estrutura mediante alicerces de formigón. Entre 2003 e 2004 foi completamente renovado para devolvelo ao seu aspecto orixinal.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Descrición da Casa do Concello de Tampere Panorámica da Casa do Concello de Tampere Panorámica do interior da Casa do Concello de Tampere

Categoría:Edificacións de Tampere Categoría:Casas do concello de Finlandia