Nas primeiras décadas do século XXI a matemática está a vivir un momento de auxe, iniciado nas últimas décadas do século XX, con aplicacións a tódolos campos, tanto das ciencias clásicas e a tecnoloxía, como a ámbitos máis novos como a arte, as ciencias sociais ou da vida. As matemáticas son unha das elaboracións humanas intelectualmente máis perfectas, atractivo que seguirá motivando ás novas xeracións neste século XXI e tamén nos sucesivos, e quen se dedique a elas deberá desenvolver as matemáticas adecuadas aos problemas cada vez máis complexos formulados por outras ciencias. A Matemática continuará a ser no século XXI o idioma da Ciencia e aumentará a súa participación na comprensión do mundo, non sendo previsible a onde pode chegar o coñecemento matemático e as súas aplicacións. Probablemente a razón entre os coñecementos matemáticos dentro de cen anos e os actuais superará a proporción entre a potencia dos actuais ordenadores e os ordenadores de mediados do século XX.

Introdución

Situación xeral Nun informe do National Research Council das National Academies dos Estados Unidos sobre as matemáticas no século XXI -informe que se recolle no libro The Mathematical Sciences in the 21st Century (2012) que foi realizado por un comité para as matemáticas en 2025- indícase que as ciencias matemáticas estanse a converter nunha compoñente esencial en moitas áreas de investigación como: bioloxía, medicina, ciencias sociais, negocios, deseño avanzado, clima, finanzas, materiais avanzados, e moitas máis. Este traballo involucra a integración das matemáticas, a estatística e a computación nun sentido amplo, así como a interacción destas áreas con outras de potencial aplicación. As ciencias matemáticas teñen a oportunidade de consolidar o seu papel como base da investigación e a tecnoloxía do século XXI á vez que manteñen a forza do seu núcleo, elemento vital para o ecosistema das ciencias matemáticas, esencial para o seu futuro. Isto é cualitativamente diferente da visión predominante o pasado século, dando lugar a un modelo diferente: o dunha disciplina con moito máis alcance e impacto potencial. Neste contexto a distinción entre matemáticas puras e aplicadas parece cada vez máis artificial; en particular, é difícil hoxe en día atopar unha área das matemáticas que non teña aplicacións relevantes. Ademais, as fronteiras entre as ciencias matemáticas e outras materias tamén se están a erosionar. As investigacións en ciencias naturais, ciencias sociais, ciencias da vida e a enxeñaría móvense tanto no seu campo como no das matemáticas. A disciplina estase a expandir e as fronteiras entre subcampos matemáticos estanse a desvanecer, quedando cada vez máis unificada. As matemáticas teñen evolucionado considerablemente durante as últimas décadas, esténdense hoxe moito máis alá dos intereses que emanan das institucións tradicionais neste campo (departamentos académicos, entidades financiadoras, sociedades profesionais e revistas de investigación máis importantes). O valor das matemáticas para a ciencia en xeral crecería se aumentara o número de especialistas en matemáticas con coñecementos nun rango amplo da disciplina, máis alá da súa propia área de traballo, que comunicaran ben con colegas doutras disciplinas, que comprenderan o papel das matemáticas na ciencia en xeral, así como na enxeñaría, medicina, defensa ou negocios, e cunha ampla experiencia en computación.

As mulleres nas CTEM Pero unha das sombras que aparecen nesta panorámica positiva da situación da ciencia matemática neste século XXI, que ademais comparte co resto de materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), e a baixa participación das mulleres nestes campos do saber. Dende hai tempo son moitos os organismos internacionais que están a chamar a atención sobre este tema, e que foi un dos motivos para que hai uns anos (en 2015) a ONU declarase o 11 de febreiro (11F) como o Día internacional da Muller e a Nena na ciencia. Existen diversas razóns polas que as rapazas poden non sentirse atraídas cara ás carreiras STEM. En xeral, a contorna social, familiar e educativa non incentiva igual a rapaces e rapazas a elixir carreiras científicas e técnicas. As rapazas mostran maior ansiedade ante as matemáticas e ciencias que os rapaces, incluso cun rendemento bo nestas materias, o que parece ter relación con: o persoal docente avalía mellor ás rapazas en materias non científicas, as familias teñen menos expectativas de que súas fillas teñan profesións relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía en comparación con seus fillos, e a sociedade presenta a tecnoloxía como un ámbito marcadamente masculino. A isto engádese a ausencia de roles científicos femininos, a baixa presenza de mulleres nos textos e a invisibilización de moitos dos seus logros. Toda a contorna social parece ter influencia no baixo interese das rapazas polas carreiras técnicas. Ademais, tanto nos libros de texto como nos medios de comunicación, nas poucas ocasións nas que se fala das científicas, é frecuente presentalas como persoas raras, completamente dedicadas a seu traballo e con pouca vida persoal; ou ben facendo fincapé en que o aspecto físico e a intelixencia non poden ir unidos. O que unido a que a realidade vivida pola maioría das científicas no pasado foi bastante complicada, fai que moitas adolescentes vexan na ciencia un camiño demasiado arduo, difícil de conciliar coa vida persoal e os seus intereses.

Os estudos suxiren que a segregación temática dentro das ciencias podería estar influída por un maior interese en ámbitos de utilidade social. A utilidade social das especialidades técnicas tales como a física ou a enxeñaría é pouco coñecida, ao contrario da das áreas biosanitarias, o que explicaría que as rapazas que se decantan polas ciencias o fagan maioritariamente por aquelas ramas que teñen máis que ver cunha causa social ou dos coidados. Un caso especialmente significativo é o da informática. Ata os anos 80 do século XX a presenza da muller nos estudos de computación nos Estados Unidos foi aumentando e hai exemplos notables de programadoras cun labor de grande impacto. A partir de mediados dos anos 80 esta progresión revértese. Ese momento coincide coa popularización dos ordenadores persoais. Estes ordenadores, incluíndo os videoxogos, enfocáronse en maior medida cara a un mercado masculino.

As mulleres matemáticas nos inicios deste século

Con todo, neste século continúa a haber relevantes figuras femininas que destacan en case tódolos campos e que ademais estanse a implicar en tarefas de xestión profesional, entrando a formar parte das elites de decisión da ciencia e a investigación. Entre elas pódense destacar ás españolas Peregrina Quintela Estévez (1960) catedrática de Matemática Aplicada da USC, especialista en Matemática industrial, onde dende hai anos desempeña cargos de xestión en diversos organismos nacionais e internacionais deste campo: Preside a Rede Española Matemática Industria (math-in), coordinou a creación do nodo CESGA do Proyecto Consolider Ingenio MATHEMATICA (i-MATH), dirixe o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), é membro do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), e forma parte do seu Executive Board. No 2016 foi distinguida co Premio María Wonenburguer, sendo a primeira matemática en recibir esta distinción. Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2019. Marta Macho Stadler (1962) é especialista en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa. É responsable das seccións de Literatura e alt=Marta Macho Stadler|miniatura|Marta Macho Stadler Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no portal DivulgaMAT da RSME, e dende a súa creación en 2014, é impulsora, editora e coautora do espazo dixital "Mujeres con ciencia". Formou parte da Comisión de Mulleres da RSME, é membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), e é membro do Consello de Cooperación da Universidade do País Vasco. En 2015 recibiu o Premio igUAldad da Universidade de Alacant e unha das Medallas da Real Sociedade Matemática Española, na súa primeira edición. En 2016 concedéuselle o Premio Emakunde á igualdade do Goberno Vasco. En 2019 recibiu o nomeamento de Ilustre de Bilbao "polo seu labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia". Mercedes Siles Molina (1966) é catedrática de Álxebra da Universidade de Málaga. Leva realizado contribucións singulares en ámbitos moi diversos. No das matemáticas, o seu traballo máis citado é un libro publicado por Springer (Leavitt path algebras), único no seu campo. No cultural, creou as exposicións El Sabor de las Matemáticas e Universos Paralelos Dialogando, polas que foi invitada ao MoMath (Nova York); puxo en marcha en España o PiDay, creou o programa SteMatEsElla, patrocinado por Accenture, para potenciar o talento das mozas en disciplinas STEM. Colaborou co Comité Español de Matemáticas (CEMat) para a incorporación de España ao Centro Internacional de Matemáticas Puras e Aplicadas(CIMPA), é Responsable Científica do CIMPA, membro do seu “Equipo África” e do seu equipo directivo. É Secretaria da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación do CEMat, e presidiu o Comité de Cooperación para o desenvolvemento da RSME, da que foi responsable de Proxectos Culturais, así como Vicepresidenta Primeira. Preside o Comité Español de Matemáticas. Dende maio de 2019 é presidenta do CEMat. É membro da Sociedade de Honor Sigma Xi. Dende febreiro de 2020 é directora da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA). Ana Justel Eusebio (1967) é licenciada en Matemáticas e doutora en Economía. Leva participado en máis de sete campañas na Antártida como membro dos proxectos Limnopolar e Microairpolar -proxectos interdisciplinarios cuxo obxectivo principal é investigar a sensibilidade dos ecosistemas acuáticos antárticos non mariños e a capacidade de dispersión dos microorganismos nas zonas polares e a súa influencia ante o cambio climático-. Foi directora da Oficina de Análise e Prospectiva da Universidade ata 2017. Talent Woman concedeulle, en 2019, o I Premio Margarita Salas pola súa traxectoria científica. alt=Clara Isabel Grima Ruíz|esquerda|miniatura|298x298px|Clara Grima