A Federación Galega de Caixas de Aforro foi unha asociación das caixas de aforro domiciliadas en Galicia. Aínda que o seu nome e número de membros foi variando, o seu fin era a representación colectiva e a cooperación entre as entidades adheridas. Historia miniatura|Deseño de 1926 de Cándido Fernández Mazas para a Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo. A primeira asociación das caixas de aforro de ámbito galego foi constituída en 1926 co nome de Federación de Cajas de Ahorro de Galicia. Tiña como finalidade fomentar a colaboración e axuda mutua entre os membros, dentro do respecto á independencia de cada un.

En 1924 as caixas de aforro de Guipúscoa, Biscaia, Navarra e Álava formaran a Federación Vasco-Navarra, a primeira asociación desta natureza en España. Seguindo o seu exemplo, a Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo propuxo ó resto de caixas galegas a formación dunha federación. Para isto, convocara unha asemblea rexional en 1925 e unha proposta de estatutos ás súas potenciais socias que foron ratificados o 23 de setembro de 1926, sendo o seu primeiro presidente Maximiliano Asúnsolo Linares-Rivas, alcalde da Coruña e conselleiro da Caixa de Aforros local. Un dos seus primeiros obxectivos foi atender ás colectividades galegas na emigración e conseguir a protección dos seus aforros e editou unha publicación trimestral dende 1927. A Federación incorporouse á Confederación Española de Caixas de Aforro na súa fundación, en 1928.

A mediados da década de 1930 o órgano de representación da Federación era a Asemblea Xeral onde os votos dependían en función do volume das institucións asociadas. Os acordos tomados na Asemblea Xeral eran de obrigado cumprimento polas caixas de aforro. Ademais, a Asemblea Xeral designaba un Comité Directivo integrado por un presidente, un secretario e dous vogais.

En 1940, as institucións federadas pactaron conceder un préstamo ao Concello de Pontevedra para liquidar a Caixa de Aforros Municipal da cidade do Lérez, que atravesaba unha precaria situación.

En 1977, xusto antes da primeira gran fusión das caixas galegas (entre as caixas da Coruña-Lugo e Ferrol), estaba integrada polas seguintes entidades:

Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña e Lugo. Caixa Xeral de Aforros e Monte de Piedade de Ferrol. Caixa de Aforros Provincial de Lugo. Caixa de Aforros Provincial de Ourense. Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago de Compostela. Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo.

Co desenvolvemento da autonomía política de Galicia, o Parlamento aprobou unha lexislación que afectou ás Caixas de Aforro. Así, a antiga Federación de Caixas de Aforros de Galicia foi reconvertida na Federación Galega de Caixas de Aforro de acordo co título III da Lei 7/1985, do 17 de xullo, de Caixas de Aforro galegas. A resolución dos recursos de inconstitucionalidade do Tribunal Constitucional sobre esta lei, fixo que o Parlamento aprobase a Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, que no seu título VI abordaba as competencias e organización da Federación.

Notas

Categoría:Bancos e caixas de aforro de Galicia