Hélène Elizabeth Louise Amélie Paula Dores Poniatowska Amor, nada en París o 19 de maio de 1932, coñecida profesionalmente como Elena Poniatowska, é unha escritora, xornalista e activista mexicana nada en Francia.

A súa obra literaria ten unha marcada orientación social e política na cal destacan as súas crónicas baixo a fórmula, que se veu a denominar, de polifonía testemuñal. O seu traballo máis recoñecido é A noite de Tlatelolco, unha colección de recontos sobre o masacre na Praza de Tlatelolco durante o 2 de outubro de 1968. Recibiu multitude de recoñecementos e premios internacionais e nacionais, entre os que destaca o Premio Cervantes no ano 2013.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgarlle o galardón de “Escritora Galega Universal” en 2009 e foille entregado polo presidente da asociación, Cesáreo Sánchez Iglesias, na Feira do Libro de Guadalaxara (México).

Traxectoria Filla do príncipe Jean E. Poniatowski — Jean Jose Evremond Sperry Poniatowski e da mexicana María das Dores Amor Escandón, (coñecida como Paula Amor), Elena Poniatowska Amor naceu en Francia o 19 de maio de 1932 co nome de Hélène Elizabeth Louise Amélie Paula Dores Poniatowska. A súa nai nacera en 1913 en México no seo dunha familia porfiriana exiliada tras a Revolución mexicana. O seu avó, o príncipe Andreas, era tataraneto do príncipe Kazimierz Poniatowski, irmán de Estanislau II Poniatowski, rei da República das Dúas Nacións, país que era unha monarquía electiva e non hereditaria; a súa avoa paterna era estadounidense. Polo lado materno ten ascendencia rusa. esquerda|miniatura|Poniatowska en 2008 É sobriña da poeta mexicana Pita Amor (1918-2000); a súa familia conta con antepasados ilustres como un arcebispo, un músico e algúns escritores máis. Debido ás súas ideas e ascendencia, coñécese tamén como A Princesa Vermella.

Infancia e estudos A familia de Elena Poniatowska emigrou de Francia a México, como consecuencia da segunda guerra mundial. Elena chegou aos dez anos de idade coa súa nai e a súa irmá Sofía (Kitzya) á Cidade de México. Mentres, o pai continuaba combatendo para reunirse con elas acabada a contenda.

En México, cara a dúas , ambas as nenas aprenderon o español da súa nana Magdalena Castelo. Continuou os seus estudos de primaria no Windsor School e estudou un ano no Liceo de México; mantivo o seu nivel de francés polas clases que lles impartía a profesora Betie Sauve e aprendeu, xunto á súa irmá, piano e danza. Jan, o irmán máis novo de Elena e Sofía, naceu en 1947.

En 1949, foi enviada aos Estados Unidos para estudar, primeiro internada nun colexio católico de Filadelfia, o Convento do Sacro Corazón de Eden Hall (Torresdale, Pensilvania), e despois no Manhattanville College de Nova York.

Primeiros traballos De volta en México, Poniatowska estudou taquimecanografía para despois traballar como secretaria bilingüe, pero nunca fixo o bacharelato. Logo decidiu dedicarse ao xornalismo. Comezou en 1953 a súa carreira xornalística. Traballou primeiro no xornal Excélsior, onde asinaba as súas crónicas como Hélène. Nas súas primeiras entrevistas, visitou a cantante Amália Rodrigues, Manuelita Reyes, a pintora María Izquierdo, o escritor Juan Rulfo e á actriz Dolores del Río. Publicou, durante un ano, unha entrevista cada día. Nesa época empezou a interesarse por cuestións sociais e polo papel da muller mexicana.

En 1954, segundo testemuñou en 2019 sufriu unha violación por parte do escritor mexicano Juan José Arreola, que a deixou embarazada.

En 1955, comezou a súa colaboración no periódico Novedades, que continuaría durante toda a súa vida. Escribiu para o xornal La Jornada. As súas entrevistas a autores mexicanos e estranxeiros alcanzaron grande éxito, e máis tarde algunhas delas reuníronse en Palabras cruzadas (1961) e en Todo México (1990). Poniatowska escribiu en numerosas publicacións, tanto mexicanas como internacionais. Este ano no que empezan ditas colaboracións naceu en Roma o seu primeiro fillo, Emmanuel. En 1957, recibiu unha bolsa do Centro Mexicano de Escritores para novos creadores e, en 1959, entrevistou ao astrofísico mexicano Guillermo Haro, con quen contraeu matrimonio en 1968. Un emprego que marcaría a súa traxectoria literaria é o traballo que comezou en 1962 como asistente do antropólogo Óscar Lewis, un dos fundadores da escritura testemuñal.

O primeiro libro de ficción que publicou foi Lilus Kikus en 1962, unha colección de contos, seguida en 1963 por Todo empezó el domingo. En 1965 viaxou a Polonia coa súa nai, e desde alí enviou a Novedades unha serie de crónicas nas que "cuestionaba o sentido de moral establecido, o de xustiza e en xeral, o absurdo da vida". dereita|miniatura|299x299px|Asinando libro sobre Mariana Yampolsky no Museo de Arte Popular en 2012. En 1964, escoitou a unha muller gritar desde a azotea dun edificio da Cidade de México. Era Josefina Bórquez (1900-1988), a lavandeira que lle descubrirá o inframundo da capital. Elena empezou a reunirse con ela cada mércores para entrevistala. Das notas dos seus diálogos nacerá Hasta no verte Jesús mío(1969).

Recoñecemento internacional O recoñecemento internacional veulle cos seus libros de testemuños: Hasta no verte Jesús mío, e La noche de Tlatelolco (1971), acerca da matanza ocorrida o 2 de outubro de 1968 na praza das Tres Culturas.

No ano daquela traxedia nacional, Poniatowska casou co astrofísico mexicano Guillermo Haro (1913-1988), con quen tivo dous fillos máis: Felipe en 1968 e Paula en 1970. Poucos meses despois, morreu o seu irmán Jan nun accidente automobilístico e o pai da escritora, que polo impacto emocional, faleceu ao pouco tempo. En 1988 morre Guillermo Haro, o seu marido. O 19 de setembro de 1985, un terremoto azouta á Cidade de México, durante o cal Poniatowska redactaría artigos que formarán máis adiante unha crónica colectiva publicada en 1988 co título Nada, nadie, las voces del temblor.

Ademais das súas obras, Poniatowska realizou variadas actividades como visitar numerosas universidades en Estados Unidos e Europa, colaborar con varias publicacións, escribir prólogos, participar en presentacións de libros, realizar curtas cinematográficas, ser membro da xunta editorial da revista feminista Fem e cofundadora do Editorial Siglo XXI e da Cineteca Nacional.

A pesar das súas orixes aristocráticas, Poniatowska foi politicamente de esquerda e unha defensora dos dereitos humanos que influíu cos seus puntos de vista sobre os sectores intelectuais máis prominentes de México. Como di a editorial Alfaguara, é unha «xornalista e escritora comprometida» que «a miúdo puxo a súa pluma ao servizo das causas máis xustas».

Nas eleccións presidenciais de 2006, apoiou a Andrés López, o candidato da Coalición Polo Ben de Todos, quen foi presidente do Partido da Revolución Democrática (PRD). Ante a crítica dalgúns sectores, 24 destacados escritores estranxeiros, entre os que figuraba o premio Nobel 1998 José Saramago, asinaron unha carta no seu apoio. Ese mesmo ano, participou en xullo, xunto con outros intelectuais, na sinatura dun despregado que condenaba os ataques israelís ao Líbano.

A partir de 2007, o goberno da Cidade de México, a través da Secretaría de Cultura, instaurou o Premio Iberoamericano de Novela Elena Poniatowska, dotado de 500 000 pesos. O gañador da primeira edición deste certame foi o novelista e licenciado en filosofía mexicano Álvaro Uribe, pola súa novela Expediente del atentado.

En 2011 creouse a Fundación Elena Poniatowska cos obxectivos de organizar, difundir e preservar o arquivo histórico da escritora e a súa familia, apoiar aos grupos sociais que retratou na súa obra e promover o debate público sobre a cultura mexicana. En 2013 foi galardoada co Premio Cervantes. Poniatowska é a primeira escritora mexicana en obter o galardón e a cuarta muller nos 38 anos de historia deste premio. Ademais, o seu é o quinto Cervantes que recibe un autor ou autora de México.

En 2017, Elena Poniatowska participou na dobraxe ao español da película animada de Disney Pixar, Coco, dándolle voz a "Socorro 'Coco' Rivera".

Descrición da súa obra A obra de Poniatowska foi descrita, segundo o mesmo xurado do Cervantes, como «unha brillante traxectoria literaria en diversos xéneros, de maneira particular na narrativa e na súa dedicación exemplar ao xornalismo. A súa obra destaca polo seu firme compromiso coa historia contemporánea. Autora de obras emblemáticas que describen o século XX desde unha proxección internacional e integradora. Elena Poniatowska constitúe unha das voces máis poderosas da literatura en español destes días».

Xéneros Poniatowska escribiu contos, novelas, crónica, teatro e poesía. Como creadora, apóiase nos recursos da entrevista e a investigación xornalística e histórica, e quizais por iso a súa narrativa ten moito de testemuño, de reportaxe de investigación.Diccionario de escritores mexicanos, UNAM, 2002, t.VI, p. 548.

Na súa obra, destacan as biografías de recoñecidas mulleres como Tina Modotti, Angelina Beloff, Leonora Carrington e outras moitas.

Para referirse ás crónicas escritas por Poniatowska, adóitase empregar o termo de polifonía testemuñal, vinculado a unha proposta política de representación. A autora recorre ao testemuño para construír a narración, sendo polifónico porque recolle opinións de distintos personaxes que protagonizan os acontecementos apuntados, habitualmente de perfís moi diversos. Nas súas crónicas, os testemuños entrecrúzanse e confrontan, cun resultado de contrapunteo. Trátase dun exercicio de rexistro non só da opinión, senón da forma de expresala.

Influencias O seu uso da entrevista e o testemuño quizais veu marcado polo traballo que exerceu como asistente de Óscar Lewis, co que aprendeu a aplicar as súas técnicas sociolóxicas. Con todo, Carlos Monsiváis apunta que Poniatowska sortea o prexuízo teórico de "a cultura da pobreza", precisamente popular grazas a Lewis co seu traballo sobre as veciñanzas da Cidade de México. Pero, desde técnicas semellantes, Poniatowska alcalza conclusións opostas que buscan unha resposta moral.

Temas constantes na súa obra Entre as constantes da súa obra atopamos a presenza da muller e a súa visión do mundo, a Cidade de México coa súa beleza e os seus problemas, as loitas sociais, a vida cotiá, a literatura, a denuncia de inxustizas e a crítica social.

A súa bibliografía persegue un consello de Gabriel García Márquez: «facer xornalismo para non perder terra, para coñecer a vida miúda, onde se atopan as grandes historias entre o cotián e o insólito». Octavio Paz sinalou que, na súa prosa, descóbrese a "arte de escoitar".

Ponitowska non só é unha escritora atenta a grandes acontecementos, como os feitos da praza Tlatelolco en 1968 ou o terremoto de México de 1985, senón aos sucesos que penetran na vida do pobo silenciado. O drama e a loita contra o silencio non só estará presente nun plano político e social, senón tamén no persoal, como mostra en Querido Diego, te abraza Quiela, unha colección de cartas que non obteñen máis que silencio como resposta.

Tanto as súas crónicas urbanas como moitas das súas novelas albergan unha representación do silencio de miles de habitantes da Cidade de México, aínda que tamén do país completo, cuxas voces son caladas, segundo a autora, por unha tradición cultural e política que nega a palabra á poboación marxinada. Para Poniatowska, esta "minusvalía vocal" é consecuencia dos mecanismos de dominación dun sistema hexemónico construído sobre a base de periferias abandonadas. E non só denuncia o silencio desde o poder da Administración, senón tamén de empresas capitalistas e económicas e do resto de cidadanía indiferente ante as desigualdades.

Outra característica da súa obra é a mestura entre realidade e ficción. Así como Truman Capote escribiu A sangue frío, relatando a partir de personaxes a quen entrevistaba, Poniatowska elabora as súas obras de ficción empregando a literatura testemuñal.