José Miguel Pérez Balbuena, máis coñecido como Tyson Pérez, nado o 29 de xaneiro de 1996 en Santo Domingo, é un xogador de baloncesto galego-dominicano, que milita no MoraBanc Andorra da liga ACB. Con 2,02 de estatura, xoga na posición de ala-pivote. É internacional coa selección española.

Traxectoria Naceu en Santo Domingo, capital da República Dominicana. O alcume de "Tyson" é un apelativo que recibiu por parte do seu pai, co que xogaba moito ao boxeo de pequeno, e que fai referencia a Mike Tyson. En 2005, aos 9 anos, instalouse en Galicia, na vila de Sada. No seu país natal xogaba ao béisbol, mentres que en Galicia probou varios deportes como o fútbol ata que comezou a xogar ao baloncesto aos 15 anos, sen saber nin as regras.

Debutou na liga EBA en 2014, nas filas do Santo Domingo Betanzos, co que disputou as dúas seguintes tempadas, e onde chamou a atención de Pepe Laso, que o levou para Madrid. Alí xogou nas filas do Eurocolegio Casvi de Villaviciosa de Odón, onde realizou unha boa tempada, o que lle permitiu asinar en 2017 polo Real Canoe Natación. Na súa primeira tempada converteuse nunha das pezas chaves do conxunto madrileño que logrou o ascenso á LEB Ouro, e foi elixido MVP. No verán de 2018, renovou co Canoe por unha tempada máis, debutando así na LEB Ouro, e conseguindo ser nomeado de novo MVP da tempada. En xullo de 2019 deu o salto á liga ACB ao asinar polo Bàsquet Club Andorra. Após o descenso do club andorrano, en 2022 asina polo Bàsquet Manresa.

Selección española Tras pasar polas categorías inferiores da selección española, debutou coa selección absoluta o 11 de novembro de 2020, nun partido fronte á selección de Israel.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha na FEB

Categoría:Nados en Santo Domingo Categoría:Nados en 1996 Categoría:Ala-pivotes de baloncesto Categoría:Xogadores de baloncesto da ACB Categoría:Xogadores de baloncesto da República Dominicana Categoría:Xogadores de baloncesto de Galicia Categoría:Xogadores do Real Canoe NC (baloncesto) Categoría:Xogadores do BC Andorra Categoría:Xogadores do Bàsquet Manresa Categoría:Xogadores da selección de baloncesto de España