Avante LGBT+ (Anteriormente Avante LGTB e Avante LGBT) é unha organización galega conformada por persoas lésbicas, gais, bisexuais, trans, e outras diversidades, que defenden os dereitos do colectivo LGBT+. Esta organización, de ideoloxía feminista e anticapitalista, foi fundada en Santiago de Compostela o 27 de setembro de 2017 após dunha asemblea aberta á que asistiron preto de 100 persoas e que tivo lugar na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela.
No ano 2018 Avante LGBT+ atravesou un proceso de expansión territorial que culminaría coa súa Asemblea Nacional Constituínte. Esta xuntanza tivo lugar na Casa do Matadoiro, en Santiago de Compostela, o día 27 de outubro. Nesta asemblea foron escollidas por votación 6 persoas que pasarían a conformar a coordinadora nacional, órgano executivo ao que posteriormente se engadirían 6 integrantes máis en representación das localidades con presenza da organización a esa altura: Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol, Lugo, A Coruña, e Pontevedra. Ademais, o pleno da asemblea tomou a decisión de mudar o nome da organización, de "Avante LGTB" como fora fundada, a "Avante LGBT", adoptando a orde internacional das siglas do colectivo no canto da orde preferida en España. Sería na II Asemblea Nacional, celebrada o 7 de decembro do 2019 no local comarcal da Confederación Intersindical Galega en Vigo, cando se adoptaría o nome actual da organización, Avante LGBT+, engadindo o "+" para representar as diversidades vítimas da cisheteronorma non recollidas no acrónimo.
A comezos do 2022 xurdiron as expansións de Ourense e de Verín, conformando así un total de nove localidades. Postiormente, no 2024, a comarca de Verín disolveuse e as partcipantes de Ourense fundaron a súa propia organización, Cuir Ourense.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Cisheteronorma
Categoría:Asociacións de Galicia Categoría:Activismo LGTB Categoría:LGBT en Galicia