Shelly-Ann Fraser-Pryce, nada o 27 de decembro de 1986 en Kingston, é unha atleta xamaicana especialista en probas de velocidade. Compite nas probas de 60, 100 e 200 metros lisos. Está amplamente considerada como unha das mellores velocistas de tódolos tempos e os seus éxitos na década de 2010 axudaron a situar o atletismo xamaicano na escena internacional. É dobre medallista de ouro nos Xogos Olímpicos e catro veces campioa do mundo nos 100 metros lisos, mentres que nos 200 metros gañou unha medalla olímpica de prata e o Campionato do Mundo de 2013.

Traxectoria Gañadora de seis medallas olímpicas, Fraser-Pryce acadou recoñecemento internacional no Xogos de Pequín de 2008, converténdose na primeira muller caribeña en gañar a medalla de ouro nos 100 metros lisos. Nos Xogos de Londres de 2012 conseguiu defender o seu título nos 100 metros, sendo unha das tres únicas mulleres na historia en conseguilo. Após que unha lesión afectase a súa tempada, nos Xogos de 2016 gañou a medalla de bronce. É a primeira velocista en gañar medallas nos 100 metros en tres Xogos Olímpicos consecutivos.

Nos Campionatos do Mundo de Atletismo, Fraser-Pryce é unha das atletas máis laureadas da historia con 11 medallas, das que 9 son de ouro e 2 de prata. Tamén é a unica velocista (home ou muller) en gañar catro títulos mundiais nos 100 metros lisos. Fíxoo en 2009, 2013, 2015 e 2019.

Fraser-Pryce posúe máis títulos mundiais nos 100 metros que calquera outra velocista da historia. A súa mellor marca persoal nesta proba é de 10,70 segundos (a cuarta mellor de tódolos tempos). A Asociación Internacional de Federacións de Atletismo nomeouna "a mellor velocista da súa xeración". En 2019, a BBC incluíuna na súa lista das 100 mulleres máis inspiradoras e influentes do mundo.

Notas

Categoría:Nados en 1986 Categoría:Nados en Kingston Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Xamaica Categoría:Medallistas olímpicos de prata por Xamaica Categoría:Medallistas olímpicos de bronce por Xamaica Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2008 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2012 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2020