Christophe-Jean Dumont, O.P., nado como Jean-René Dumont o 22 de xuño de 1897 en Valenciennes (Francia) e finado o 11 de febreiro de 1991 en París, foi un relixioso dominicano, membro do Apostolado Ruso, sacerdote greco-católico, e pioneiro do ecumenismo.

Traxectoria Jean-René-Louis Dumont naceu o 22 de xuño de 1897 en Valenciennes, fillo de Henri e de Nelly (de apelido de solteira Henneton). Estudou no colexio Notre-Dame da súa vila natal, e posteriormente, en 1913 continuou os seus estudos no colexio Saint-Jean de Passy dos lasalianos, entón refuxiados en Froyennes (Bélxica). A ocupación de Bélxica e do norte de Francia na primeira guerra mundial truncou os seus plans de continuar os seus estudos, e foi requirido para ensinar matemáticas en Notre-Dame de Valenciennes (até 1916) e posteriormente no seminario maior de Cambrai (até 1918). Ao rematar o conflito foi chamado para facer o servizo militar, e un ano máis tarde, o 23 de setembro de 1920 fixo a profesión simple como relixioso dominicano en Kain.

Cursou toda a súa formación relixiosa en Filosofía e Teoloxía na casa dos dominicanos en Kain, Le Saulchoir; alí tomou o nome de Christophe, fixo os votos solemnes o 23 de setembro de 1923, e foi ordenado sacerdote o 23 de xullo de 1924. Naqueles anos, a provincia dominicana de Francia decidiu encargarse —logo dunha petición do papa Pío XI— da posta en marcha dun seminario ruso en Lille e dedicarlle dous relixiosos, François Foulon e Henri-Jean Omez. O seminario de San Basilio comezou a funcionar en setembro de 1923. No verán de 1924 Dumont acompañou a Omez nun viaxe ao leste de Europa, participando no IV Congreso de Velehrad, viaxando por Polonia oriental co apoio de Andrei Sheptytskyi, e visitando a Laura de Pochaiv, onde coñeceron ao metropolita Dionizy Waledyński.

En 1926 foi asignado ao seminario san Basilio de Lille e se matriculou en Lingua rusa na universidade. O 4 de marzo de 1927 fixo unha primeira solicitude para pasar ao rito bizantino, que lle foi denegada. No verán de 1927 foi tamén asignado ao seminario o francés de orixe checa Antoine Hubatzek; o grupo formado polos tres dominicanos (Omez, Hubatzek, e o propio Dumont) proporcionou unha estabilidade ao seminario. Porén, as vocacións que chegaron ao seminario foron escasas, especialmente logo da creación do Pontificio Colexio Ruso en 1929 en Roma, con moitos máis recursos.

Dumont pasou ao rito bizantino finalmente o 30 de xullo de 1928, e participou na creación e consolidación do centro «Istina» (Verdade), dedicado principalmente a Rusia e ao oriente cristián en xeral. Colaborou na revista Revue des sciences philosophiques et théologiques con varios boletíns sobre a historia das doutrinas cristiás orientais logo do cisma, nos que daba a coñecer a obra de pensadores cristiáns acatólicos non traducidos ao francés; outros traballos deste período son os referidos á persecución relixiosa na Unión Soviética. En 1932 a Comisión Pro Russia destituíu a Omez,A súa destitución tivo relación cun viaxe á Unión Soviética, non autorizado pola Comisión Pro Russia. e pechou o seminario, transformándoo en 1933 nunha casa para a atención dos rusos da rexión.

Entre 1932 e 1967 a súa traxectoria estivo vencellada principalmente á dirección do centro «Istina». Até 1936 traballou con Hubatzek tratando de animar o centro ruso, sen demasiado éxito. Solicitou o seu traslado a París, onde a presenza de católicos rusos era maior, e en agosto de 1936 pasou a ser reitor da igrexa greco-católica da Santa Trindade; a súa actividade motivou que se lle distinguira co título de «arquimandrita» en 1938. Durante estes anos tamén continuou a aumentar os seus coñecementos sobre o cristianismo ortodoxo: estivo en 1935 no mosteiro de Valaam, e en 1939 noutro mosteiro en Estonia; en 1936 asistiu tamén a un congreso teolóxico ortodoxo en Atenas.

O estoupido da segunda guerra mundial significou un golpe importante para o centro «Istina», pola marcha de Iuliia Danzas a Roma en 1939, e pola mobilización de Hubatzek, quen foi prisioneiro de guerra e quen non volveu ao centro despois da súa liberación; a Congregación para as Igrexas Orientais enviou entón a Aleksandr Kulik para axudar na parroquia. Porén, a Ocupación de Francia levou a fuxida de moitos rusos, o que tamén impactou negativamente na vida da parroquia. Nesta época ampliou tamén a súa actividade ecuménica aos protestantes, a petición de Henriette Ferrary. Estes acontecementos levaron a que en xullo de 1943 trasladara ao capítulo da súa orde a conveniencia de disociar a actividade do Centro e da parroquia, en previsión de que tomarían camiños diferentes.

Durante os anos seguintes foi mudando a súa actitude cara a unha visión ecuménica máis ampla, como trasladou por carta en 1946 a Giovanni Battista Montini co informe "Le mouvement catholique en faveur de l'Unité chrétienne. Sa raison d'être. Ses caractéristiques. Mesures à prendre pour assurer la rectitude de son développement et l'efficacité de son effort". En 1947 a Congregación para as Igrexa Orientais adquiriu unha propiedade de maior tamaño e posibilidades para o centro ecuménico. Ademais da formación no centro, traballou con discreción as relacións con outros cristiáns (luteranos, ortodoxos, anglicanos) e co Consello Mundial das Igrexas. Na década de 1950 tamén teceu relacións coas igrexas de Grecia e Constantinopla, encontrándose por dúas ocasións co patriarca Atenágoras I.

Foi representante da prensa católica na primeira conferencia panortodoxa, celebrada en Rodas entre o 24 de setembro e o 1 de outubro de 1961.

O 15 de setembro de 1973 foi nomeado membro consultor da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental (Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo).

En 1979 volveu a Francia, pasando a residir no convento da Anunciación de París; alí comezou a escribir as súas memorias, que non chegaría a publicar.

Finou o 11 de febreiro de 1991 en París, nunha residencia para sacerdotes anciáns.

Obra

Como editor

Notas

Bibliografía

Categoría:Nados en 1898 Categoría:Nados en Valenciennes Categoría:Finados en 1991 Categoría:Dominicanos de Francia Categoría:Sacerdotes da Igrexa católica bizantina rusa Categoría:Escritores de Francia Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores de literatura cristiá Categoría:Personalidades do ecumenismo Categoría:Membros da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental