Rabia al Adawiyya al Qaysiyya (en árabe رابعة العدوية القيسية) ou Rabia Basri, nada en Basora entre 713 e 717 e finada en 801, foi unha poeta e mística musulmá sufí.
Traxectoria Pouco é o que se coñece da súa vida, existen múltiples tradicións baseadas en haxiografías. Algunhas tradicións descríbena como unha antiga escrava liberada que renunciou ao matrimonio e aos praceres efémeros para dedicarse só a Alá. Na mundo islámico vivíase unha etapa de incremento do ascetismo e Basora era unha das escolas máis influentes e debía a súa orixe a Hassan al-Basri e de Basora era tamén Al-Jahiz. Rabi está considerada unha figura importante da espiritualidade sufí e foi ela a que introduciu o ideal sufí do amor a Alá, mudando o ascetismo en misticismo. Ibn Arabi evocou a súa obra poética na súa principal obra Kitâb Al-Futūḥāt al-Makkiyya.
Filosofía A principal ensinanza da obra de Rabia é o amor místico e a amizade con Deus. Todo verdadeiro amador vai á procura da intimidade co seu amado, como ha facer o verdadeiro crente con Deus. E distingue entre o amor egoísta e pasadío por Deus, só para obter o seu favor, e o amor digno e duradeiro, que constitúe o amor á beleza de Deus. Como todos os sufís ao cabo buscou a unidade coa divindade (an-nafs aṣ-ṣāfīyyah). O amor (ḥubb) é só para Deus, non para os seus profetas nin outros símbolos relixiosos. A Deus hai que o amar por si mesmo, non por medo ao inferno e o desexo de acadar o Paraíso. Neste pensamento reside a innovación de Rabi, que se converteu no criterio estándar do sufismo posterior.
Notas
Categoría:Finados en 801 Categoría:Nados en Basora Categoría:Santos do islam Categoría:Escritores en lingua árabe Categoría:Místicos Categoría:Nados no século VIII Categoría:Escritores de Iraq