Derik Osede Prieto, nado o 21 de febreiro de 1993 en Madrid, é un futbolista español. Xoga de defensa central no Waterford, da Primeira División de Irlanda.
Traxectoria
Real Madrid Naceu en Madrid, de nai española e pai nixeriano. Comezou no fútbol no DAV Santa Ana e no 2002 entrou na canteira do Real Madrid. Pasou polos distintos equipos das categorías inferiores e na tempada 2010/11 debutou co Real Madrid C, o segundo filial do club. Na tempada seguinte participou no ascenso deste á Segunda División B.
En setembro de 2012 debutou co primeiro equipo do Real Madrid da man do técnico José Mourinho nun partido amigable contra o Millonarios correspondente ao Trofeo Santiago Bernabéu, que rematou con goleada madrileña por 8-0. Un mes despois xogou o seu primeiro encontro co primeiro filial, o Real Madrid Castilla, nun partido da Segunda división contra o Córdoba. O 1 de febreiro de 2014, marcou o seu primeiro gol como profesional, na vitoria por 4–0 sobre o Hércules no Estadio Alfredo di Stéfano. A tempada rematou co descenso do equipo, con 18 partidos disputados polo futbolista madrileño.
Bolton Wanderers O 6 de xullo de 2015, despois de dúas tempadas co Real Madrid Castilla, asinou un contrato de tres anos co Bolton Wanderers, da segunda división inglesa. Xogou a metade dos encontros na súa primeira campaña no club inglés, que acabou co descenso deste á League One. Continuou dúas tempadas máis en Bolton e marcou o seu primeiro gol co equipo en agosto de 2017, nun partido da EFL Cup contra o Crewe Alexandra.
Numancia A finais de novembro de 2018 fichou polo Numancia, da Segunda división, onde asinou un contrato por dous anos. Xogou 37 encontros nese período, marcando dous goles, e a súa segunda campaña no club acabou co descenso á Segunda División B.
Deportivo da Coruña O 5 de outubro de 2020, anunciouse a súa fichaxe por unha tempada polo Deportivo da Coruña da Segunda División B. No equipo galego non tivo continuidade, xogando só catro partidos como titular e nove en total, e tras lesionarse no tendón de Aquiles durante un partido contra o Pontevedra na xornada 16, non volveu vestir a camiseta do equipo.
Alcoyano Tras varios meses de recuperación na Coruña, e de estar máis de medio ano sen equipo, en febreiro de 2022 asinou co Alcoyano, tamén de Primeira RFEF, a onde chegou para substituír o lesionado Carlos Blanco. Con todo, non chegou a debutar co club de Alcoi.
Pontevedra Trala súa saída do Alcoyano, adestrouse durante meses co Pontevedra, que finalmente lle fixo unha ficha como xogador do equipo en xaneiro de 2023. Disputou un total de 15 partidos ata o remate da tempada, 9 deles como titular, pero o equipo acabou descendendo a Segunda RFEF.
Waterford En setembro de 2023 fichou polo Waterford, da Primeira División de Irlanda.
Selección española Foi internacional coas categorías inferiores na selección española, pasando por todas entre a sub-16 e a sub-21.
En 2012 disputou coa sub-19 o Campionato Europeo en Estonia, sendo defensa titular, marcando un gol e proclamándose finalmente campión tras derrotar a Grecia en Talín.
Palmarés Selección española
Campionato europeo da UEFA Sub-19 (1): 2019.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en BDFutbol.com Perfil en Soccerway.com
Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Españois de ascendencia nixeriana Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid C Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Bolton Wanderers FC Categoría:Xogadores do CD Numancia Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Alcoyano Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21